Abrilo
mar da infancia cada día.
Xogar coa memoria no ceo
do padal,
e deixarse arrastrar
polo lévedo
que abrolla dos teus
beizos;
luz da noite que ardes
en min.
Pero non son paxariño,
e quixera voar contigo
na crista dos abrentes
á procura da cerna onde
nos xunguimos,
e iréi morrendo de pena,
agromando sentires e
utopías
coas que manterse vivo
nesta serra onde comeza
todo.
Ogallá puidese fuxir
envolto nas bágoas do ceo
brincando coas espigas
ermas
na enxoita leira onde
esvaran os soños
xa en lágrimas convertida,
desexado, espido na
soidade das ruelas
a carón do Lethes.
Cada intre amosará o
sentimento
no que acougan devezos e
versos,
mestura de febre e
vacina
xa en suspiriños desfeita,
mentres ollo contigo o
solpor
no que
pouco
a
pouco
me vou deitando
empurrado polo vento
silente
coma follas dos
carballos en outono.
Ficaremos na lareira
na que agardan as cinsas
dos nosos
a que as espalle o
desexo
que nos derrete.
Ficaremos...
paxariño
pena
lágrima
sospiro
Ilustración: Baldo Ramos
Ningún comentario:
Publicar un comentario