HAIKUGA para 100 anos |
Remata o ano 2023 igual que rematou o 2022, sen ningún libro novo publicado, e non é por non ter libros rematados, abofé que non. En fin, ben que o lamento, pois o que non se ve, o que non se publica, o que non se coñece é coma se non existise, ou o que é peor, é coma se non traballase arreo para acadar esa fin.
O caso é que quero falar e dar a coñecer o traballo poético que me ocupou, en boa medida, os últimos 6 anos; si, 6 anos traballando cada día, sen faltar un só día ao meu compromiso, refírome aos poemas que escribín neste tempo, coa forma do haiku, e que dei en chamarlle HAIKUGA (haiku en galego), e do que se non dou conta publicamente, probablemente endexamais se saberá da súa existencia.
Teño que remontarme, cando menos, ao comezo da miña escrita dos poemas coa forma do haiku; e foi, con certeza, no ano 2010. Estiven buscando o que teño escrito, e vou gardando, sempre escribo en papel, e atopei algúns poemas sen datar nunha libreta que, en follas posteriores ten haikus dende o 1/1/11. Probablemente apareceran algúns máis, pois eses non foron os primeiros, ou polo menos así o recordo.
Escribindo HAIKUGA |
Cando comecei con esta teima non me agradaba nada, podería dicir que o detestaba e custábame moitísimo escribir os haikus; mais, pouco a pouco, e coa teima de xuntar algúns poemas, seguín escribindo, á vez que me obrigaba a procurar palabras, a pensar moito, a afondar na lingua, que en si, e finalmente, é o que motivou todo este traballo e todo o tempo que lle levo dedicado; polo tanto, entendo que a lingua, e a necesidade de afondar no seu coñecemento, foi o que me enganchou.
Ó principio pensaba que nunca escribiría 365 haiku para completar un ano; así que, ese foi o meu primeiro obxectivo, xunto coa teima de escribir todos os días, sen excepción. Pouco a pouco fun xuntando un bo número de poemas, nese formato curto que me atrapou dun xeito que endexamais sospeitaría. Día a día ía xuntando poemas e máis poemas, sen ter claro que facer con todo ese traballo, en verdade, aínda non o sei nin sequera hoxe; e comecei a pensar en publicar un haiku cada día, fíxeno nas redes durante un ano, no 2017. Despois, para manter a presión de ter que cumprir cun obxectivo, quería publicar un poema, cada día, nalgún xornal galego.
Primeiro HAIKUGA publicado no Galicia Confidencial |
Cando llo propuxen a Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, a quen sempre lle estarei agradecido, de seguido habilitaron o espazo que acollería os haiku, e foi o mellor xeito de ter un obxectivo co que cumprir e obrigarme a escribir todos os poemas que puidese, e por suposto, todos os días. Así naceu Lingua de versos, no G. C., o 29 de abril do 2020, para acoller cada día un novo poema que eu lles achego por meses completos.
HAIKUGA que completou o primeiro ano no Galicia Confidencial |
Ao tempo, xa viña pensando na posibilidade de tentar escribir haikus para completar un período de 100 anos, si, un século; por que?, porque é unha cifra redonda, e porque pouca xente chega a vivilos, e, sobre todo, porque o vía moi complicado e era un reto moi difícil de acadar ao ter que escribir uns 37.000 haikuga, para o que precisaría moitos anos, seguramente máis de 10, e non abandonar no intento. En realidade aínda non sei como o conseguín, mais o que teima acada, e como son teimudo, fun escribindo os últimos anos, case compulsivamente, dende que comecei co proxecto o 10 de setembro do 2017, ata o 9 de setembro do 2023 (datas na que comezo e remato cada ano poético); e boa parte do tempo que consigo sacar cada día para a escrita, foi empregado nesta teima.
Un ano de HAIKUGA |
Mais, iso non é todo; tamén fixen un
cálculo aproximado das horas que puiden pasar escribindo estes poemas, e tendo
en conta que cada folla de 24 haikuga me levaba unha media de 1,5 horas, e que
en total hai unhas 1714 follas, pasei aproximadamente unhas 2571 horas
acometendo este proxecto.HAIKUGAs inspirados en Ludeiros
En canto ao contido dos haikuga é moi variado, ou polo menos así o penso eu, hai poemas inspirados e dedicados á familia, a persoeiros da nosa lingua e cultura, a lingua e á poesía, á música, e moitos deles a lugares que son parte da miña vida: Ludeiros, Vigo, Chapela, Santiago de Compostela, Ourense, Lobios, Entrimo, Galicia (na súa amplitude), Portugal (principalmente dos sitios que vou visitando ou forman parte da miña vida), ou Mérida (onde naceron a meirande parte dos poemas), e a moitos outros lugares da península onde estiven, ou que pola circunstancia que fose, ocuparon o meu pensamento. Quero destacar os haikuga que escribín o tempo no que o encoro de Lindoso estivo seco, ou case, e que aproveitei para pasearme por Aceredo, Buscalque, O Vao e A Reloeira; neses meses compuxen uns 500 haikuga, que agardo sexan o xermolo dun novo libro que complemente o xa publicado, ASULAGADAS. Tamén hai poemas influenciados pola actualidade, a guerra, a pandemia, e o que agora nos atinxe e preocupa especialmente, como é o fascismo; outros moitos proveñen da metafísica do pensamento.
ASULAGADAS en Aceredo |
Durante estes seis anos houbo momentos nos que pensei en abandonar, e momentos moi duros nos que me puña diante do papel e caían os minutos, mesmo as horas e non saían os poemas. Tamén houbo momentos moi bos, e días igual de bos; algún, poucos, creo que dous; escribín máis de 100 poemas. E sóbranme os dedos dunha man para contar esas veces que fluían os versos coma algo máxico, que non sabía de onde saían, unha sensación única, que, como digo, deuse en moi contadas ocasións, desafortunadamente. Así que, nalgúns momentos, penso que é como si estivese traballando na miña “tese de doutoramento” en poesía mínima.
En definitiva, como deste proxecto nada se sabe, e moi pouco se coñece agás o que publico no Galicia Confidencial cada día, e non amosa a dimensión de todo o traballo que está feito, en realidade só saben del na miña casa, e unhas poucas persoas vencelladas ao mundo da literatura e a lingua a quen aprecio, cos que xa compartín os 6 anos dixitalizados de HAIKUGA, para que coñezan o contido e saiban da existencia destes poemas; o mesmo a caixa na que teño os manuscritos se perde, quen sabe. Esa é unha idea que non me agrada, e por iso tamén decidín facelo público nas redes. Seguramente todo este esforzo non teña ningunha importancia, e é ben certo que probablemente endexamais se publicarán todos os poemas, nin parte deles, abofé; mais, o que naceu para afianzar e mellorar o meu coñecemento da lingua, e foi feito por e para a lingua, entendo que debe saberse.
Escribindo os últimos HAIKUGA do proxecto |
Beizóns!