23 de dec. de 2015

6 poemas 6. Presentacións en Vigo e Santiago de Compostela

O vindeiro sábado 26 de decembro presentamos na Libraría Cartabón de Vigo, ás 20:00 horas o poemario colectivo homenaxe a Federico García Lorca cun acróstico para Ánxel Casal.


O luns 28 de decembro a presentación será en Santiago de Compostela, na Libraría Couceiro ás 20:00 horas.


Vémonos!

22 de dec. de 2015

Cos meus mellores desexos para o 2016

Un ano dá para moito, e todo resulta máis doado cando os esforzos, os soños, os desexos se comparten. Sumar para multiplicar, para medrar.
Grazas por este ano de amizade.
Saúde, sorte, ledicia e amor.


21 de dec. de 2015

Versos nun calendario sen follas XXXV

Hoxe é o solsticio de inverno, a noite máis longa do ano.


A noite é un xélido destino:
sen ti,
sen min.
Unha melodía sen son
na partitura do desexo.
Ollos que se abren a un fin
sen comezo.
A noite é un xélido destino:
sen ti,
sen min.


Ilustración: Jessy

20 de dec. de 2015

Versos nun calendario sen follas XXXIV


Buscarte aí
onde comeza a vertixe
dos silencios que mellor soan,
nas salinas engurras das palabras
que nos atan nun baille de ondas
levitando incesantemente.


Fotografía: Carla Bessa

16 de dec. de 2015

Versos nun calendario sen follas XXXIII


Fenderme en ti.
Recobralos sentidos
dende a quentura.
Procurarnos na falla,
dentro, envoltos na lava.


Fotografía atopada na rede: Autor/a decoñecido/a

11 de dec. de 2015

Versos nun calendario sen follas XXXII


Irremediablemente
o sol apágase
no horizonte das ilusións.
Entre cascallos
aínda latexo.


Fotografía: Suso Díaz

9 de dec. de 2015

Versos nun calendario sen follas XXXI

Hoxe é o aniversario de miña avoa materna. Son 89 anos de amor aos seus, de entrega e sacrificios inigualables, de silencios e sufrimentos, de presencia e memoria. Estes versos son para ela, que me criou, que dalgún xeito moldeou o que son. Sempre está presente, moito máis nestes momentos delicados de saúde.


A avoa Pepa da Celedonia

O tempo é unha composición sonora
que enche os ouvidos de silencios
que foxen ao entendemento.
As palabras na tona dos dedos,
acariñando os baleiros,
fican para sempre na memoria da pel.
Todo se repite
e nada é o mesmo.
Os días vanse polo horizonte
dos calendarios sen data,
só fica a memoria do cativo
que se erguía ledo
co canto das vacas
e o ollar perdido
nun mundo de ilusións
que se foron queimando
na lareira da vida;
agás, a memoria dos latexos
no teu colo morno de sorrisos.

8 de dec. de 2015

Imaxina (Imagine)

No 35 aniversario do asasinato de John Lennon.


IMAXINA

Imaxina que non hai ceo,
é doado se o intentas.
Sen inferno debaixo nosa,
enriba de nós, só o ceo.

Imaxina todo o mundo
vivindo o seu día a día...
Imaxina que non existen paises,
non é difícil facelo.

Nada polo que matar ou morrer,
nin tampouco relixión.
Imaxina todo o mundo,
vivindo a vida en paz ...

Podes dicir que son un soñador,
mais non son o único.
Agardo que un día te unas a nós,
e o mundoserá un.

Imaxina que non hai posesións,
pregúntome se podes.
Sen necesidade de abundacia ou fame,
nunha irmandade dos homes.
Imaxina a todo mundo,
compartindo o mundo...

Podes dicir que son un soñador,
mais non son o único.
Agardo que un día te unas a nós,
e o mundoserá un.


Tradución: Suso Díaz

Autor/a da ilustración descoñecido/a 

7 de dec. de 2015

Adianto editorial: “6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca” no Caderno da Crítica

Hoxe Moncho Nicolás fala dos 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, no seu Caderno da Crítica.

"Este libro, singular e único na súa concepción, está coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro e vinculou un total de trinta e seis poetas e sete persoas do ámbito da ilustración."

Fragmento dos primeiros versos inspirados pola “Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta” que uniu as voces de Suso Díaz, Miguel Ángel Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Baldo Ramos, Lorena Rei e Noelia Rodríguez.

3 de dec. de 2015

Presentación do libro "6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca"

Chegou o mes de Nadal e vén con moi boas novas.


O vindeiro xoves 17 presentarase no I Salón do Libro e da Lectrua ABECEDARI@, na cidade da Coruña este libro que coordinei con Helena Villar Janeiro, no que participamos 36 poetas e 7 ilustradores galegos.

A idea partía dos "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca. Fixemos seis grupos de 6 poetas, e cada grupo tiña que facer un poema conxunto inspirado nun poema previamente escollido dos de Lorca. Ademais, cada poeta participaría con un poema propio. Así xuntamos 42 poemas novos e tamén os 6 poemas de Lorca.

Os ilustradores inspiraron a súa ilustración no poema común. A portada lorquiana do libro é de Xosé Vizoso.


Edita o libro: Biblos Clube de Lectores.

PARTICIPANTES:

Madrigal â cibdá de Santiago
1. Helena Villar Janeiro (coordinadora)
2. Marica Campo
3. Francisco X. Fernández Naval
4. F. R. Lavandeira
5. Xesús Rábade Paredes
6. Miro Villar
Nolo Suárez (Ilustración)

Romaxe de nosa Señora da Barca
1. Modesto Fraga Moure (coordinador)
2. Rocío Blanco Formoso
3. Alfredo Ferreiro
4. Alexandre Nerium
5. Emma Pedreira
6. X. H. Rivadulla Corcón
Viki Rivadulla (Ilustración)

Cántiga do neno da tenda
1. Marta Dacosta Alonso (coordinadora)
2. Xosé María Álvarez Cáccamo
3. Ledicia Costas
4. Paco Souto
5. Eva Veiga
6. Rafa Vilar
Alfonso Costa (Ilustración)

Noiturnio do adoescente morto
1. Yolanda Castaño (coordinadora)
2. Lucía Aldao
3. Xiana Arias Rego
4. Olalla Cociña
5. Gonzalo Hermo
6. María Lado
Marita Martín Carmona (Ilustración)

Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta
1. Suso Díaz (coordinador)
2. Miguel Ángel Alonso Diz
3. Xoán Carlos Domínguez Alberte
4. Baldo Ramos
5. Lorena Rei
6. Noelia Rodríguez
Irene Silva Xiráldez (Ilustración)

Danza da lúa en Santiago
1. Lucía Novas (coordinadora)
2. Alba Cid
3. Xosé Daniel Costas Currás
4. Rosa Enríquez
5. Míriam Ferradáns
6. Ismael Ramos
Antón Sobral (Ilustración)