24 de mar. de 2019

En el vuelo de la memoria. Antoloxía para Ángel Campos Pámpano


O 25 de novembro de 2018 cumpríanse 10 anos do pasamento do poeta arraiano Ángel Campos Pámpano.


Nos dous anos que precederon esta data estiven pensando, primeiro, e logo argallando unha antoloxía homenaxe na memoria do autor estremeño que tan vencellado se sentía a Portugal e a lingua de Camões, da que traduciu unha significativa nómina de poetas lusos.

Esta antoloxía que titulei En el vuelo de la memoria, publicouse pola Editora Regional de Extremadura a finais do mes de xaneiro deste ano.

Foi un traballo complexo polo número de participantes e polo que lle pedía para poder participar cun poema. Ao final xuntei 78 poetas en distintas linguas, español, portugués, galego, catalán e francés. O limiar é do estudoso da súa obra e tamén bo amigo de Ángel, Miguel Ángel Lama, a portada fíxoa o seu grande amigo Javier Fernández de Molina, que ilustrou varios dos seus libros.


Esta antoloxía comezou a súa andaina nunha presentación que fixemos no MEIAC de Badaxoz o pasado 19 de febreiro, xunto co primeiro libro que se traduce ao portugués do autor estremeño La semilla en la nieve, e que é un traballo de Luis Leal.
Foi un acto moi emotivo onde moitos amigos coñecidos e lectores da obra de Ángel se deron cita para homenaxealo e compartir con nós este feliz momento onde unha antoloxía e unha tradución recordan ao poeta.

Deixo aquí o meu poema para esta antoloxía, onde aparecen tres versos de Ángel en cursivo, pois todos os poemas tiñan que integrar algún verso do autor homenaxeado.


Navegaban todos os barcos
terra dentro
sucando o silencio
entre os latexados duns versos
nunca escritos.
O mar é un reclamo, unha proposta.
Chegaron os voos
de paxaros descoñecidos
a terras abertas á soidade.
Acubillábanse os pensamentos
nos ollos da choiva
e cantaban os homes
o seu pasado segando a més
con remos de escuma.
De novo navegabamos
ao encontro dun océano descoñecido,
sós,
baixo un sol tórrido de inverno
que nos ollaba.
Tamén un ritmo novo, outra paisaxe:
o mar ensimesmado que te chama ao fondo.


Tamén deixo aquí algunhas fotografías da presentación no MEIAC.























E aquí os enlaces dalgunhas das novas que falan da antoloxía.

La ERE publica dos libros para homenajear a Ángel Campos Pámpano en el décimo aniversario de su fallecimiento

Publicados dos libros con motivo X Aniversario Fallecimiento de Angel Campos Pámpano

Dos libros bilingües recuerdan al poeta Ángel Campos

Campos Pámpano, poeta y traductor

La ERE publica dos libros para homenajear a Ángel Campos Pámpano en el décimo aniversario de su fallecimiento

Seis libros de la Editora (Álvaro Valverde)


Beizóns!