A Celso Emilio Ferreiro
Erguelo mundo
nun verso, Celso Emilio.
Lareira acesa.
Ollos de luz na noite,
alento do país.
Embelgar a terra coa sonoridade
das verbas que transitan no ar
recollendo o sentir ceibe, labrego,
dun tempo que se multiplica ao lonxe
á procura de abrollar na rocha
onde medra a semente mariña.
Os xemidos zoan nos curutos da noite,
canto irto, viaxeiro,
co que empreña a terra, e nós.