31 de ago. de 2014

Versos para un verán ártico XIV

Hoxe fixo 35 anos do pasamento de Celso Emilio Ferreiro. Dalgún xeito botei en falla non acudir ao cemiterio de San Breixo (Celanova), como se acostuma cada ano, e ler versos na súa memoria, alampexar na pedra na que medra o lume do pobo. Como queira que fose, alí estiven, mergullado nos seus poemas unha vez máis, recordando eses momentos vividos. Froito desta xornada ferreiriana, naceu este poema.



A Celso Emilio Ferreiro

Erguelo mundo
nun verso, Celso Emilio.
Lareira acesa.

Ollos de luz na noite,
alento do país.

Embelgar a terra coa sonoridade
das verbas que transitan no ar
recollendo o sentir ceibe, labrego,
dun tempo que se multiplica ao lonxe
á procura de abrollar na  rocha
onde medra a semente mariña.
Os xemidos zoan nos curutos da noite,
canto irto, viaxeiro,
co que empreña a terra, e nós. 


Ningún comentario: