29 de xuño de 2016

28 de xuño de 2016

27 de xuño de 2016

VOTAR

Onte foi un día moi especial. Por primeira vez, miña filla exercía o seu dereito ao voto, son momentos que fican para sempre.


Tiven tempo para pensar na primeira vez que votei, fíxeno con meu pai, nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989. Naquela ocasión viaxamos dende Ourense ata Aceredo (Lobios), que é onde tiñamos a nosa mesa electoral.

Parte de Aceredo
Onte repetiuse o proceso nunha latitude moi distinta e nunhas condicións tamén moi diferentes. Fomos ao colexio que está perto da nosa casa, entramos os dous na cabina, escollemos as papeletas brancas e tamén as do Senado, nesta riscamos os candidatos que queriamos votar, e nunhas e noutras coincidimos na mesma elección. Ao igual que hai 27 anos con meu pai, co que recordo entrar nunha desas cabinas que se puñan naquel comercio-bar da Felisa e do Queitano en Aceredo.

Val do Limia antes do Encoro de Lindoso

Ao final quédanos a memoria e eses momentos que dalgún xeito van marcando a nosa vida. Pensei naquel lugar que xa non existe (Aceredo), dende xaneiro de 1992, cando se materializaron as decisións políticas adoitadas ben lonxe daquel marabilloso Val, fixeron que ficase para sempre soterrado baixo as augas do Encoro de Lindoso (Portugal). Recordei algúns dos momentos vividos alí, naquel largo diante do comercio da Felisa e do Queitano, foron moitos, pois alí agardabamos o coche de liña, que lle chamamos nós, e que nos levaba á escola que estaba en Lobios. Moitos días de frío, choiva e tamén de sol naquel lugar que xa é só memoria, alí onde xogabamos mentres agardabamos polo Land Rover que nos levaría rematado o día ata Ludeiros.

Veiga de Aceredo
Cantas veces pensamos que os nosos votos non valen para moito, que as decisións políticas non nos afectarán. Nada máis lonxe da realidade, aínda que cando se adoptou o acordo de construír o Encoro de Lindoso, non había democracia en España e Portugal, moitas veces podemos trocar o futuro, o noso e o dos demais, e é o único que tento inculcarlles a meus fillos. Si pasamos da política a política pasaranos por riba. Eles xa nunca poderán votar en Aceredo, nin sequera poderán pasear polos lugares do Val (Buscalque, O Bao, A Reloeira e Aceredo), nin bañarse nos Aguinchos no verán, moito menos poderán entender o que para nós significaba todo eso.

Ponte sobre o Río Limia

Despois tivemos tempos de debater o resultado, si, o resultado é outra historia.

26 de xuño de 2016

VOTO

Hoxe o meu haiku fala do VOTO.


Teño a palabra,
a ilusión, e o poder
de decidir.


A ilustración é unha composición que fixen dunha imaxe atopada na rede.

24 de xuño de 2016

Carta e poema para Helena Villar Janeiro


Querida Helena:

Síntome moi ledo deste recoñecemento que che fai a Asociación de Escritores en Lingua Galega. É de xustiza estimar a quen estima, recoñecer os méritos a quen tanto fixo, e fai, pola nosa lingua, pola nosa cultura, e por Galicia.

Non hai moito tempo que nos coñecemos, mais o tempo sempre é relativo. Tampouco hai tanto que nos tratamos, mais, penso fixemos boas migallas e son afortunado de contar coa túa amizade e tamén co teu afecto. Por riba, tiven a inmensa sorte de poder sacar adiante un traballo conxunto, e participarmos doutros aos que chegamos por distintos vieiros, mais serviron para ir cultivando esa confianza tan necesaria cando se trata de xunguir esforzos.

As veces recordamos algúns momentos bos deste tempo compartido, tamén eses momentos nos que cada un amosa a súa posición, e a discutimos, e apoiamos para medrar xuntos, para facer posible o que nos parece unha utopía.

Grazas por formar parte das miñas aprezadas amizades, e por ser ante todo unha persoa na que podo confiar e coa que podo compartir tempo e venturas.

Unha grande e afectuosa aperta neste momento de ledicia para ti, que tamén o é para min.

Bicos!


A Helena Villar Janeiro

Do voo de cada verba
fica o eco da memoria de nós,
o agarimo no que se envolve
o sentir máis certeiro, 
que é semente fértil
no chan que nos acolle.

Encontrámonos na palabra,
bandeira sen cor,
alí onde perdura a sinfonía
dunha terra que fala,
e cala,
para escoitarse no arrolo
dunha marusía que escribe
os sons en azul e verde,
para deitalos na pedra.

Do voo de cada verba
fica o eco da memoria de nós.

23 de xuño de 2016

Versos nun calendario sen follas XCVII

Noite de San Xoán!
Queime o lume todo mal. Purifique a auga a vida.


Noite de lume.
Gavelas de pureza
en San Xoán.


Ilustración: Cachela de San Xoán, Castelao.

21 de xuño de 2016

Versos nun calendario sen follas XCVI


Son un paxaro
voando no teu voo.
Aire afogado.


Fotografía atopada na rede. Autor/a descoñecido/a.

19 de xuño de 2016

8 de xuño de 2016

Versos nun calendario sen follas LXXXIX

No Día dos Océanos.


Cúbreme a pel
de auga e sal. Desfagámonos
sobor da area.


Imaxe da película "De aquí á eternidade", con Burt Lancaster e Deborah Kerr.

4 de xuño de 2016

Versos nun calendario sen follas LXXXVIII


Subir o ceo,
lambéndonos a vida,
dende o comezo.


Fotografía atopada na rede. Autor/a descoñecido/a.