24 de xuño de 2016

Carta e poema para Helena Villar Janeiro


Querida Helena:

Síntome moi ledo deste recoñecemento que che fai a Asociación de Escritores en Lingua Galega. É de xustiza estimar a quen estima, recoñecer os méritos a quen tanto fixo, e fai, pola nosa lingua, pola nosa cultura, e por Galicia.

Non hai moito tempo que nos coñecemos, mais o tempo sempre é relativo. Tampouco hai tanto que nos tratamos, mais, penso fixemos boas migallas e son afortunado de contar coa túa amizade e tamén co teu afecto. Por riba, tiven a inmensa sorte de poder sacar adiante un traballo conxunto, e participarmos doutros aos que chegamos por distintos vieiros, mais serviron para ir cultivando esa confianza tan necesaria cando se trata de xunguir esforzos.

As veces recordamos algúns momentos bos deste tempo compartido, tamén eses momentos nos que cada un amosa a súa posición, e a discutimos, e apoiamos para medrar xuntos, para facer posible o que nos parece unha utopía.

Grazas por formar parte das miñas aprezadas amizades, e por ser ante todo unha persoa na que podo confiar e coa que podo compartir tempo e venturas.

Unha grande e afectuosa aperta neste momento de ledicia para ti, que tamén o é para min.

Bicos!


A Helena Villar Janeiro

Do voo de cada verba
fica o eco da memoria de nós,
o agarimo no que se envolve
o sentir máis certeiro, 
que é semente fértil
no chan que nos acolle.

Encontrámonos na palabra,
bandeira sen cor,
alí onde perdura a sinfonía
dunha terra que fala,
e cala,
para escoitarse no arrolo
dunha marusía que escribe
os sons en azul e verde,
para deitalos na pedra.

Do voo de cada verba
fica o eco da memoria de nós.

Ningún comentario: