12 de xan. de 2022

ASULAGADAS

Após 30 anos do asulagamento (8 de xaneiro de 1992) do noso marabilloso val do Limia, este é o meu tributo á súa memoria e a das súas xentes.



Comezo aclarando que ASULAGADAS publícase no galego que falamos no val do Limia (comezando polo título), ou no que conseguín recordar, en boa medida, coa axuda de meus pais. Era unha idea que me ocupaba, e cando lle entreguei o libro no galego normativo ao editor, Paco Macías, comenteillo e animoume a achegalo á nosa variante lingüística, o que demorou ano e medio o seu lanzamento.

 

Na “Nota a esta edición”, falo detalladamente da concepción do libro, mais, deixarei aquí, nesta presentación oficial, unhas pinceladas.

 

ASULAGADAS contén 101 poemas (pois, considero que é un libro inacabado, sigo escribindo sobre o val e agardo facelo moito tempo), cun total de 2965 versos. Ao principio ían ser 99 poemas, mais, entre tanto, apareceu un poema dedicado a Buscalque, escrito hai bastantes anos, e quixen incluílo; ao que sumei un poema curto, cunha sutil carga erótica, froito dunha conversa co meu prezado amigo e veciño, (O Manoliño) de Cimadevila de Ludeiros, que comentando sobre o libro e a nosa infancia, preguntoume se non me acordaba das galletas afogadas en auga que comiamos en Aceredo mentres agardabamos para ir ao grupo a Lobios, e que eu infelizmente tiña esquecido.

O libro, en certa maneira, levábao dentro, mais por unhas razóns ou por outras ía demorando a súa escrita, ata que no outono do ano 2018, unha vez máis, o encoro volveu deixar ao descuberto boa parte das aldeas, principalmente de Aceredo. Pedro, o noso fillo, insistíalle a súa nai que quería ir ver a que fóra a súa aldea. Foi naquela visita cando escribín o poema “Aceredo”, que está no libro que lle dediquei a el, “PEDRO”; e ese mesmo día escribín outro poema que vai en ASULAGADAS, e se titula “Resistir ollando na memoria”. Despois xa foi un non parar ao longo dun ano, máis ou menos, que me levou escribir a maioría dos poemas, pois, algúns xa os tiña escrito tempo atrás.

 

Este libro é o que leva máis do neno que fun, da miña infancia en Ludeiros e no val do Limia, principalmente percorrendo Aceredo e O Vao, algo menos Buscalque e a Reloeira; logo o reencontro, xa no final, antes do asulagamento, na adolescencia, un tempo moi fermoso onde vivimos o val con toda a xente e principalmente coa mocidade. Desa memoria abrollan todos estes poemas que son o meu tributo á xente do val, e dalgún xeito é a miña humilde aportación a manter vivo, desde o meu ollar e desde o meu sentimento, ese universo que nós perdemos para sempre.

 

Desde o 1 de decembro, veño publicando nas redes, cada día, ata onte, un poema curto, ou anaco de poema, acompañado dunha fotografía, das que fixen en novembro do 2021 nas partes das aldeas (Aceredo, Buscalque, O Vao e a Reloeira), que o encoro nos amosou novamente. Foi unha viaxe para ir presentando o libro, ASULAGADAS, para ir poñendo en antecedentes o que vos quería entregar e hoxe entrego, pois este libro xa deixa de ser meu para ser de quen o faga seu.

O curioso desas xornadas polas aldeas, recordando, chorando, e sentindo dalgún xeito a nosa presenza aí, seguimos e seguiremos e volverán outros a poboar o val, cando sexa, o curioso, como dicía, é que eu esa viaxe xa a fixen antes, nesta ocasión incompleta, pois non puiden pisar algúns lugares que me agradaría volver a sentilos, como é a parte máis baixa de Aceredo, desde o Pendiente ata os Aguinchos, O Vao que só amosa a ponte, e a meirande parte de Buscalque coa súa fermosa veiga e quenllas e a ponte ao lugar, e a Reloeira, ata o río, do que é parte inseparábel. Mais, si, esa viaxe xa a tiña soñado, e así o tiña escrito para a segunda parte da “Nota a esta edición” que eu titulei “A modo de UTOPÍA”, e que está no libro. En fin, cousas que acontecen.

 

O libro leva un extraordinario Limiar de Manuel Lamela Bautista, home de fondo sentimento e poeta, que desde Padrendo viviu en primeira persoa os anos de loita da veciñanza polo seu val e o asulagamento.

 

Só me queda agradecer a Paco Macías (o maior dos Arraianos), a súa confianza e compromiso e acompañamento para publicar este libro, eu quería que fose Positivas quen o fixese posíbel para seguir o camiño emprendido con “A utopía que diluíu o vento”, inspirado no Couto Mixto.

 

Val do Limia antes de ser ASULAGADO (Aceredo abaixo á esquerda ata o fondo da estrada)


Beizóns!