26 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXX

Chernóbil, 30 anos de ferida na tona deste planeta. Resulta difícil entender os por ques desta desfeita, e é preciso manter presente ese despropósito para evitar se volva producir.


A noite agardaba ser noite,
cinsa na cinsa
dun ceo que ficaría gris
para reter a dor
na visibilidade da ferida.

A ledicia tornouse anguria,
as palabras alónganse
nos berros inaudibles,
en ollares sen fundo
no que ollarse.

A lentura corroe a ferruxe.
Todo fica detido,
sen deixar de esmorecer,
nun letargo sen azos,
nunha imaxe
que retén o que se ve,
e non se sente.

A ferruxe abrolla no gris
que envolve a morte
nun exercicio baldío
de contención.

A morte amósase
na transparencia,
na quietude,
no silencio
dun lugar que foi vida.

A vida é caprichosa,
testemuña a súa presenza
no abrollar dun tempo
sen tempo,
reclama seu espazo,
o que lle pertence
e se resiste a latexar.

Imaxe atopada na rede. Autor/a descoñecido/a.

24 de abr. de 2016

Poemas de abril, para Salgueiro Maia, no Día do Libro

Abril é propiamente un mes de luz recobrada, de vida nova, de liberdade. Da liberdade que emerxe en primavera para amosar a súa beleza envolta de soños e palabras.


Viaxar ao Alentejo nesta época do ano, e unha bendición para os sentidos, todo está verde, florido. Todo se amosa esplendoroso para recibir esa luz recobrada, ese sol morno que se detén xusto o tempo preciso para que a vida sexa unha sinfonía, unha bucólica estampa, unha ilusión.

Tiñamos pendiente unha visita á sepultura de Salgueiro Maia, na súa vila natal, en Castelo de Vide. Aproveitando que o Día do Libro caía en sábado, viaxamos por estas terras alentejanas de resistencia e poesía.

Castelo de Vide celebra o 25 de abril como algo propio, como un acontecimento que cambiou o futuro dun país, en boa medida grazas ao seu ilustre fillo. Como poetizou Sophia de Mello: "Esta é a madrugada que eu esperava / O dia inicial inteiro e limpo /  Onde emergimos da noite e do silêncio / E livres habitamos a susbstância do tempo". As rúas desta vila son un compendio de memoria e sentimento, un paseo pola cerna dun tempo novo que se constrúe en liberdade.


Son varios os monumentos, a Salgueiro Maia, na súa vila natal. Unha representación en mármore sobor dos alicerces do castelo da vila recorda ao capitán de abril na entrada a este monumento.

No parque 25 de abril, atópase un busco en bronce do escultor Santos Lopes. Un busto que o amosa mozo, aquel capitán de 1974, cheo de vida.

No cemiterio, non é doado atopar a sepultura. Non hai indicacións na entrada, e tampouco nos corredores. Consultamos a dúas mulleres que limpaban o panteón familiar, e moi amablemente indicaronos onde se atopaban os restos do seu veciño.


Na sobria sepultura, sen mármores, nen pedra, agás un rectángulo que delimirta o espazo que ocupa, cuberto de terra, como foi o seu desexo, un ramo de cravos acompañados das herbas que máis lle agradaban ao capitán, así nolo dixo unha tía del que alí estaba limpando e mantendo viva a memoria do seu sobriño. Ela é unha muller case impedida, acompañada dun home. Ambos coméntanos varias anécdotas de Salgueiro, da súa vida, facendo fincapé en que quedou orfo de nai aos 4 anos, que seu pai se volveu a casar, e que a súa madrasta, que é a irmá desta boa muller, o criou coma un fillo.

Da conversa cos seus familiares, soubemos que Salgueiro Maia escolleu ese lugar do cemiterio para ser enterrado, perto de seus pais e no espazo onde se acollen aos que entregaron a súa vida por Portugal.





Tiña pensado ler uns poemas ao pé da súa sepultura, unha escolla dalgúns deses versos adicados a el por poetas portugueses, finalmente fixen esa lectura en presenza de seus familiares e das dúas mulleres que nos indicaran onde estaba soterrado, ademáis de Pedro e MariPaz. Para min foi moi emocionante, era un momento que agardaba dende hai tempo, por todo o que supón este home para a liberdade dun pobo, para a liberdade de Portugal que tanto amo. Rematei ese pequeno recital cun poema meu adicado a Salgueiro Maia.


Logo falamos longo e tendido entre todos do capitán, da súa vida, de abril, do orgullo que senten os veciños de Castelo de Vide polo seu fillo. Contáronos un episodio que descoñecía totalmente. Preguntando pola descendencia de Salgueiro, non tivera fillos coa súa muller, e adoptaran dous cativos pouco tempo antes del morrer. Resulta que fai pouco máis dun ano chegou unha demanda de paternidade por parte dun mozo norteamericano que di ser fillo do capitán. A demanda foi admitida, e xa se sacaron as mostras dos restos biolóxicos para contrastar esa suposta paternidade.

Unha das mulleres que nos acompañaron esta tarde é funcionaria da Cámara Municipal de Castelo de Vide, falounos da iniciativa que rematará nun museo adicado ao capitán de abril, e para o que me pediu que lle adicase o meu poema, para ser incluido nese museo, feito que me enorgullece enormemente.

A Salgueiro Maia


En ti acredito
a forza da palabra.
Semente eterna.

A tebra ficou núa
coa luz morna do día.

Os ollares floreceron co teu devezo,
coa cerna dun futuro
no que brincan os soños
na quietude silente
dos que abafan a esperanza.
Na verba limpa
sempre agromará impía a primavera
os azos dun tempo irredutible
que abrolla no latexo
dos que erguen a dita.
Castelo de Vide. Vista desde o Castelo.

23 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXIX

Poesía na semana do libro VI. 
Con este poema remato esta semana do libro. Son poemas breves que gardaba, con outros, para un libro. Finalmente decidín compartilos con quen me le neste caderno.
Feliz día do libro!


Anotei a verba
na ausencia da palabra.
Os anceios
vanse como viñeron...
En silencio.


Ilustración atopada na rede. Autor/a descoñecido/a

22 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXVIII

Poesía na semana do libro V.



Semellamos follas en branco
dun caderno que nos escribe
en silencio,
sen letras que nos pronuncien.
Auga no ceo da boca,
sal na ferida do pensamento.


Ilustración atopado na rede. Autor/a descoñecido/a.

21 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXVII

Poesía na semana do libro IV.



Que ferida se pecha coa palabra?
Que luz acende o silencio?
O son de dicirte,
garda a ferida
da escrita.


Fuente: Shutterstock

20 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXVI

Poesía na semana do libro III.


Pensar, pensándote,
para escribir sentíndote.
Espazo en tinta.


Imaxe atopada na rede, autor/a descoñecido/a.

19 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXV

Poesía na semana do libro II.


Somos verbas,
silencios que se calan
para abrollar
na brancura dunha folla.
Onde nada había
florece o sentimento.


Ilustración atopada na rede, autor/a descoñecido/a.

18 de abr. de 2016

Entrevista no programa Breogán de Manuel Rodal en Radio Villalba

O pasado xoves, 7 de abril, entrevistoume Manuel Rodal no programa Breogran que se emite en Radio Villalba.
Fixemos unha breve reseña sobre o libro 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, e tamén falamos de poesía entre outras cousas.

Audio do programa:

 

Versos nun calendario sen follas LXIV

Poesía na semana do Libro I.


Quecen os sentimentos
na mornura das letras que emerxen
do baleiro fuxidío dos pensamentos
conxugados de ilusións.


Imaxe atopada na rede. Autor/a descoñecido/a.

15 de abr. de 2016

6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca finalista dos Premios Gala do Libro Galego 2016


Éncheme de orgullo que este libro colectivo no que participamos unha boa representación de poetas contemporáneos de Galicia, concretamente 36, e tamén 7 artístas plásticos do país, se atope entre os finalistas dos Premios do Libro Galego 2016.

Agradézolle a Helena Villar Janeiro compartira comigo a labor da edición deste traballo poético, a súa confianza, o seu traballo e ideas que apuntalaron un proxecto que quere conmemorar o centenario da primeira visita de Federico García Lorca a Galicia, neste 2016, e tamén a Ánxel Casal por publicar os Seis poemas galegos en 1935 na Editorial NÓS, unha obra que fai máis universal a nosa literatura.

Compartir este traballo con todas e todos os que nos xuntamos no libro foi unha ledicia. Grazas! Fago extensible este agradecemento a Biblos Clube de Lectores que apostou por publicar este traballo.

13 de abr. de 2016

Versos nun calendario sen follas LXIII

Día internacional do bico.
"Nun bico, saberás todo o que calei." Pablo Neruda



Bico nos beizos,
na meixela, na arela,
con e sen son.


Ilustración atopada na rede, autor/a descoñecido/a.