16 de dec. de 2023

HAIKUGA para 100 anos, un século de HAIKUGA

 

HAIKUGA para 100 anos

Remata o ano 2023 igual que rematou o 2022, sen ningún libro novo publicado, e non é por non ter libros rematados, abofé que non. En fin, ben que o lamento, pois o que non se ve, o que non se publica, o que non se coñece é coma se non existise, ou o que é peor, é coma se non traballase arreo para acadar esa fin.

 

O caso é que quero falar e dar a coñecer o traballo poético que me ocupou, en boa medida, os últimos 6 anos; si, 6 anos traballando cada día, sen faltar un só día ao meu compromiso, refírome aos poemas que escribín neste tempo, coa forma do haiku, e que dei en chamarlle HAIKUGA (haiku en galego), e do que se non dou conta publicamente, probablemente endexamais se saberá da súa existencia.

 

Teño que remontarme, cando menos, ao comezo da miña escrita dos poemas coa forma do haiku; e foi, con certeza, no ano 2010. Estiven buscando o que teño escrito, e vou gardando, sempre escribo en papel, e atopei algúns poemas sen datar nunha libreta que, en follas posteriores ten haikus dende o 1/1/11. Probablemente apareceran algúns máis, pois eses non foron os primeiros, ou polo menos así o recordo.

 

Escribindo HAIKUGA

Cando comecei con esta teima non me agradaba nada, podería dicir que o detestaba e custábame moitísimo escribir os haikus; mais, pouco a pouco, e coa teima de xuntar algúns poemas, seguín escribindo, á vez que me obrigaba a procurar palabras, a pensar moito, a afondar na lingua, que en si, e finalmente, é o que motivou todo este traballo e todo o tempo que lle levo dedicado; polo tanto, entendo que a lingua, e a necesidade de afondar no seu coñecemento, foi o que me enganchou.

 

Ó principio pensaba que nunca escribiría 365 haiku para completar un ano; así que, ese foi o meu primeiro obxectivo, xunto coa teima de escribir todos os días, sen excepción. Pouco a pouco fun xuntando un bo número de poemas, nese formato curto que me atrapou dun xeito que endexamais sospeitaría. Día a día ía xuntando poemas e máis poemas, sen ter claro que facer con todo ese traballo, en verdade, aínda non o sei nin sequera hoxe; e comecei a pensar en publicar un haiku cada día, fíxeno nas redes durante un ano, no 2017. Despois, para manter a presión de ter que cumprir cun obxectivo, quería publicar  un poema, cada día, nalgún xornal galego.

 

Primeiro HAIKUGA publicado no Galicia Confidencial


Cando llo propuxen a Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, a quen sempre lle estarei agradecido, de seguido habilitaron o espazo que acollería os haiku, e foi o mellor xeito de ter un obxectivo co que cumprir e obrigarme a escribir todos os poemas que puidese, e por suposto, todos os días. Así naceu Lingua de versos, no G. C., o 29 de abril do 2020, para acoller cada día un novo poema que eu lles achego por meses completos.

HAIKUGA que completou o primeiro ano no Galicia Confidencial
 

Ao tempo, xa viña pensando na posibilidade de tentar escribir haikus para completar un período de 100 anos, si, un século; por que?, porque é unha cifra redonda, e porque pouca xente chega a vivilos, e, sobre todo, porque o vía moi complicado e era un reto moi difícil de acadar ao ter que escribir uns 37.000 haikuga, para o que precisaría moitos anos, seguramente máis de 10, e non abandonar no intento. En realidade aínda non sei como o conseguín, mais o que teima acada, e como son teimudo, fun escribindo os últimos anos, case compulsivamente, dende que comecei co proxecto o 10 de setembro do 2017, ata o 9 de setembro do 2023 (datas na que comezo e remato cada ano poético); e boa parte do tempo que consigo sacar cada día para a escrita, foi empregado nesta teima.

 

Un ano de HAIKUGA
O primeiro ano escribín 2150 poemas (estou a falar dende o 10/9/2017, os haikuga anteriores, escritos dende o 2010, aínda non os xuntei para contalos e dixitalizalos). O segundo ano foron 2436; entón, comecei a pensar que se non escribía máis cada ano, sería difícil, por non dicir imposible chegar ó obxectivo. O terceiro ano foron 5480, o que duplicaba o que escribira cada un dos anos anteriores. O cuarto foron 9000 e o quinto 10080, daquela parecíame que non podería superar esas cifras; mais, quería rematar este ano o proxecto con 40000 haikugas escritos, para cumprir amplamente co obxectivo, descontando os publicados no Galicia Confidencial e nas redes, e que ficase un núcleo suficiente de poemas inéditos para un período de 100 anos. Finalmente, este ano remateino con 12000 haikugas, o que suma 41146 poemas, que equivalen a 112 anos, se se publicase un cada día.

 

HAIKUGAs inspirados en Ludeiros
Mais, iso non é todo; tamén fixen un cálculo aproximado das horas que puiden pasar escribindo estes poemas, e tendo en conta que cada folla de 24 haikuga me levaba unha media de 1,5 horas, e que en total hai unhas 1714 follas, pasei aproximadamente unhas 2571 horas acometendo este proxecto.

 


En canto ao contido dos haikuga é moi variado, ou polo menos así o penso eu, hai poemas inspirados e dedicados á familia, a persoeiros da nosa lingua e cultura, a lingua e á poesía, á música, e moitos deles a lugares que son parte da miña vida: Ludeiros, Vigo, Chapela, Santiago de Compostela, Ourense, Lobios, Entrimo, Galicia (na súa amplitude), Portugal (principalmente dos sitios que vou visitando ou forman parte da miña vida), ou Mérida (onde naceron a meirande parte dos poemas), e a moitos outros lugares da península onde estiven, ou que pola circunstancia que fose, ocuparon o meu pensamento. Quero destacar os haikuga que escribín o tempo no que o encoro de Lindoso estivo seco, ou case, e que aproveitei para pasearme por Aceredo, Buscalque, O Vao e A Reloeira; neses meses compuxen uns 500 haikuga, que agardo sexan o xermolo dun novo libro que complemente o xa publicado, ASULAGADAS. Tamén hai poemas influenciados pola actualidade, a guerra, a pandemia, e o que agora nos atinxe e preocupa especialmente, como é o fascismo; outros moitos proveñen da metafísica do pensamento.
ASULAGADAS en Aceredo

 

Durante estes seis anos houbo momentos nos que pensei en abandonar, e momentos moi duros nos que me puña diante do papel e caían os minutos, mesmo as horas e non saían os poemas. Tamén houbo momentos moi bos, e días igual de bos; algún, poucos, creo que dous; escribín máis de 100 poemas. E sóbranme os dedos dunha man para contar esas veces que fluían os versos coma algo máxico, que non sabía de onde saían, unha sensación única, que, como digo, deuse en moi contadas ocasións, desafortunadamente. Así que, nalgúns momentos, penso que é como si estivese traballando na miña “tese de doutoramento” en poesía mínima.

 

En definitiva, como deste proxecto nada se sabe, e moi pouco se coñece agás o que publico no Galicia Confidencial cada día, e non amosa a dimensión de todo o traballo que está feito, en realidade só saben del na miña casa, e unhas poucas persoas vencelladas ao mundo da literatura e a lingua a quen aprecio, cos que xa compartín os 6 anos dixitalizados de HAIKUGA, para que coñezan o contido e saiban da existencia destes poemas; o mesmo a caixa na que teño os manuscritos se perde, quen sabe. Esa é unha idea que non me agrada, e por iso tamén decidín facelo público nas redes. Seguramente todo este esforzo non teña ningunha importancia, e é ben certo que probablemente endexamais se publicarán todos os poemas, nin parte deles, abofé; mais, o que naceu para afianzar e mellorar o meu coñecemento da lingua, e foi feito por e para a lingua, entendo que debe saberse.

 

Escribindo os últimos HAIKUGA do proxecto
Agardo pois, que o 2024 sexa un ano frutífero e vexa algún novo libro publicado.

 

Beizóns!

12 de xan. de 2022

ASULAGADAS

Após 30 anos do asulagamento (8 de xaneiro de 1992) do noso marabilloso val do Limia, este é o meu tributo á súa memoria e a das súas xentes.



Comezo aclarando que ASULAGADAS publícase no galego que falamos no val do Limia (comezando polo título), ou no que conseguín recordar, en boa medida, coa axuda de meus pais. Era unha idea que me ocupaba, e cando lle entreguei o libro no galego normativo ao editor, Paco Macías, comenteillo e animoume a achegalo á nosa variante lingüística, o que demorou ano e medio o seu lanzamento.

 

Na “Nota a esta edición”, falo detalladamente da concepción do libro, mais, deixarei aquí, nesta presentación oficial, unhas pinceladas.

 

ASULAGADAS contén 101 poemas (pois, considero que é un libro inacabado, sigo escribindo sobre o val e agardo facelo moito tempo), cun total de 2965 versos. Ao principio ían ser 99 poemas, mais, entre tanto, apareceu un poema dedicado a Buscalque, escrito hai bastantes anos, e quixen incluílo; ao que sumei un poema curto, cunha sutil carga erótica, froito dunha conversa co meu prezado amigo e veciño, (O Manoliño) de Cimadevila de Ludeiros, que comentando sobre o libro e a nosa infancia, preguntoume se non me acordaba das galletas afogadas en auga que comiamos en Aceredo mentres agardabamos para ir ao grupo a Lobios, e que eu infelizmente tiña esquecido.

O libro, en certa maneira, levábao dentro, mais por unhas razóns ou por outras ía demorando a súa escrita, ata que no outono do ano 2018, unha vez máis, o encoro volveu deixar ao descuberto boa parte das aldeas, principalmente de Aceredo. Pedro, o noso fillo, insistíalle a súa nai que quería ir ver a que fóra a súa aldea. Foi naquela visita cando escribín o poema “Aceredo”, que está no libro que lle dediquei a el, “PEDRO”; e ese mesmo día escribín outro poema que vai en ASULAGADAS, e se titula “Resistir ollando na memoria”. Despois xa foi un non parar ao longo dun ano, máis ou menos, que me levou escribir a maioría dos poemas, pois, algúns xa os tiña escrito tempo atrás.

 

Este libro é o que leva máis do neno que fun, da miña infancia en Ludeiros e no val do Limia, principalmente percorrendo Aceredo e O Vao, algo menos Buscalque e a Reloeira; logo o reencontro, xa no final, antes do asulagamento, na adolescencia, un tempo moi fermoso onde vivimos o val con toda a xente e principalmente coa mocidade. Desa memoria abrollan todos estes poemas que son o meu tributo á xente do val, e dalgún xeito é a miña humilde aportación a manter vivo, desde o meu ollar e desde o meu sentimento, ese universo que nós perdemos para sempre.

 

Desde o 1 de decembro, veño publicando nas redes, cada día, ata onte, un poema curto, ou anaco de poema, acompañado dunha fotografía, das que fixen en novembro do 2021 nas partes das aldeas (Aceredo, Buscalque, O Vao e a Reloeira), que o encoro nos amosou novamente. Foi unha viaxe para ir presentando o libro, ASULAGADAS, para ir poñendo en antecedentes o que vos quería entregar e hoxe entrego, pois este libro xa deixa de ser meu para ser de quen o faga seu.

O curioso desas xornadas polas aldeas, recordando, chorando, e sentindo dalgún xeito a nosa presenza aí, seguimos e seguiremos e volverán outros a poboar o val, cando sexa, o curioso, como dicía, é que eu esa viaxe xa a fixen antes, nesta ocasión incompleta, pois non puiden pisar algúns lugares que me agradaría volver a sentilos, como é a parte máis baixa de Aceredo, desde o Pendiente ata os Aguinchos, O Vao que só amosa a ponte, e a meirande parte de Buscalque coa súa fermosa veiga e quenllas e a ponte ao lugar, e a Reloeira, ata o río, do que é parte inseparábel. Mais, si, esa viaxe xa a tiña soñado, e así o tiña escrito para a segunda parte da “Nota a esta edición” que eu titulei “A modo de UTOPÍA”, e que está no libro. En fin, cousas que acontecen.

 

O libro leva un extraordinario Limiar de Manuel Lamela Bautista, home de fondo sentimento e poeta, que desde Padrendo viviu en primeira persoa os anos de loita da veciñanza polo seu val e o asulagamento.

 

Só me queda agradecer a Paco Macías (o maior dos Arraianos), a súa confianza e compromiso e acompañamento para publicar este libro, eu quería que fose Positivas quen o fixese posíbel para seguir o camiño emprendido con “A utopía que diluíu o vento”, inspirado no Couto Mixto.

 

Val do Limia antes de ser ASULAGADO (Aceredo abaixo á esquerda ata o fondo da estrada)


Beizóns!

9 de set. de 2021

De Ludeiros a Nova York

 

De Ludeiros a Nova York

Prezado Federico, chegou hoxe o libro De Ludeiros a Nova York, esa viaxe imaxinaria, que fixen da túa man, mentres ía tradución a túa obra Poeta en Nova York.

 

Foi unha longa e intensa viaxe contigo pola soidade e o pensamento, polo imaxinario, polo coñecido e descoñecido que habita dentro e que rematou neste libro de 50 poemas en 11 partes, e que suma 2852 versos.

 

Xa pasaron algúns anos dende que comecei a escribir unas notas ao comezo da tradución, logo esas notas fóronse convertendo en versos que pedían ser poemas, todo viña impulsado por unha necesidade irrefreable de escribir, ata xuntar 57 poemas en 3072 versos.

 

Ao comezo non sabía que ía saír dese traballo, que era o que se ía amosando, só escribía e gardaba; despois, avanzada a tradución, comprendín que se trataba dunha viaxe, dunha viaxe que nunca tiña feito, mais que se amosaba cunha intensidade inusitada. Logo, comprendín que esa viaxe só a podía facer dende Ludeiros, dende o lugar e a memoria e o sentimento que sustenta esta andamiaxe. E así, seguín escribindo tendo presente esa idea para ir compoñendo os poemas, traballándoos con Ludeiros como punto de partida.

 

Rematada a tradución, seguín afondando nos poemas sen saber como acomodalos no libro, sen saber que distribución se axeitaría mellor a esa viaxe, ata que me decatei que Todo comeza / na lingua que sostén / as nosas vidas, e así os dous primeiros poemas son: Oda á lingua (con 326 versos), e Oda a Rosalía de Castro (con 184 versos); para seguir polo son máis arraiano, dende o Vira á Muiñeira, e logo achegarme a Cuba con outros dous poemas. Así fun pasando da luz máis intensa para deixarme levar polas sombras do pensamento e retratar, ao meu xeito, a soidade, a emigración, o egoísmo, metaforizar sobre o crac, as fraquezas humanas, ata a morte, e rematar o libro con este verso: coa dura viga da eternidade.

 

Servíronme moitos lugares da miña aldea, Ludeiros, para darlle forma aos poemas: a Cancela do Matías, San Pedro, Espiñeiro, Soutelo, a Fonte do Eido, Murabellos, Reventafoles, Carrexo, a Veiga, o Cancelo, Correlo, Cibrán... e tamén algúns lugares da grande urbe, Nova York: a Estatua da Liberdade (metaforizada), o Hudson, o Bronx, Manhattan, o Est River, Wallt St., Mannahatta Park, Battery Place, a residencia de estudantes Furnald Hall e o hotel Alamac, o o New York Stock Exchange, Central Park e a Quinta Avenida...

 

Sen deixar de achegarme á A Habana e a Luyanó, en Cuba.

 

Seguramente podería escribir moitas outras cousas a Ludeiros, que para min é o lugar máis importante baixo este ceo. Mais nunca pensei que escribiría un libro que me evocaría unha viaxe imaxinaria, algo descoñecido que se foi pousando nos versos grazas a ese traballo de tradución.

 

Só me queda agradecerlle a Medulia o seu extraordinario traballo, a súa paciencia comigo para acadar o resultado que eu buscaba para entregar este libro o/a lector/a. Foi un percorrido duro, moi prolongado no tempo para publicar o libro que eu quería entregar para a lectura.
 

Beizóns!

24 de mar. de 2019

En el vuelo de la memoria. Antoloxía para Ángel Campos Pámpano


O 25 de novembro de 2018 cumpríanse 10 anos do pasamento do poeta arraiano Ángel Campos Pámpano.


Nos dous anos que precederon esta data estiven pensando, primeiro, e logo argallando unha antoloxía homenaxe na memoria do autor estremeño que tan vencellado se sentía a Portugal e a lingua de Camões, da que traduciu unha significativa nómina de poetas lusos.

Esta antoloxía que titulei En el vuelo de la memoria, publicouse pola Editora Regional de Extremadura a finais do mes de xaneiro deste ano.

Foi un traballo complexo polo número de participantes e polo que lle pedía para poder participar cun poema. Ao final xuntei 78 poetas en distintas linguas, español, portugués, galego, catalán e francés. O limiar é do estudoso da súa obra e tamén bo amigo de Ángel, Miguel Ángel Lama, a portada fíxoa o seu grande amigo Javier Fernández de Molina, que ilustrou varios dos seus libros.


Esta antoloxía comezou a súa andaina nunha presentación que fixemos no MEIAC de Badaxoz o pasado 19 de febreiro, xunto co primeiro libro que se traduce ao portugués do autor estremeño La semilla en la nieve, e que é un traballo de Luis Leal.
Foi un acto moi emotivo onde moitos amigos coñecidos e lectores da obra de Ángel se deron cita para homenaxealo e compartir con nós este feliz momento onde unha antoloxía e unha tradución recordan ao poeta.

Deixo aquí o meu poema para esta antoloxía, onde aparecen tres versos de Ángel en cursivo, pois todos os poemas tiñan que integrar algún verso do autor homenaxeado.


Navegaban todos os barcos
terra dentro
sucando o silencio
entre os latexados duns versos
nunca escritos.
O mar é un reclamo, unha proposta.
Chegaron os voos
de paxaros descoñecidos
a terras abertas á soidade.
Acubillábanse os pensamentos
nos ollos da choiva
e cantaban os homes
o seu pasado segando a més
con remos de escuma.
De novo navegabamos
ao encontro dun océano descoñecido,
sós,
baixo un sol tórrido de inverno
que nos ollaba.
Tamén un ritmo novo, outra paisaxe:
o mar ensimesmado que te chama ao fondo.


Tamén deixo aquí algunhas fotografías da presentación no MEIAC.























E aquí os enlaces dalgunhas das novas que falan da antoloxía.

La ERE publica dos libros para homenajear a Ángel Campos Pámpano en el décimo aniversario de su fallecimiento

Publicados dos libros con motivo X Aniversario Fallecimiento de Angel Campos Pámpano

Dos libros bilingües recuerdan al poeta Ángel Campos

Campos Pámpano, poeta y traductor

La ERE publica dos libros para homenajear a Ángel Campos Pámpano en el décimo aniversario de su fallecimiento

Seis libros de la Editora (Álvaro Valverde)


Beizóns!

11 de xul. de 2018

Pílula Lois Pereiro

Esta pílula poética está adicada á poesía de Lois Pereiro, a ese verso necesario, vital, reflexivo. Unha poesía que nunca deixa indiferente, que estremece e abala cada milímetro de sentimento, muta con nós, e nós medramos con cada lectura que por forza é nova e tamén necesaria.

#pílulapoética #apoesíanonsecala

16 de xuño de 2018

Pílula poética María Mariño

Pílula poética adicada á poesía de María Mariño.

#pílulapoética #apoesíanonsecala

Pílula poética Manuel Curros Enríquez

O sábado 9 de xuño a pílula poética adicada a Manuel Curros Enríquez fíxena nun lugar único para a poesía, para o recitado e para sentirse natureza, parte da natureza. 

Esta achega foi en Ludeiros, no Corete de San Pedro, unha construción feita por riba dun carballo centenario. No seu día foi de madeira, agora é de formigón. Constrúese para escoitar tocar unha banda de música, ou de gaitas. Da historia deste Corete non vou falar hoxe, mais creo que é un lugar que está chamado a ser un punto de referencia para o recitado de versos, e para espallar o sentir no ar limpo do Xurés.


#poesíanocorete #pílulapoética #apoesíanonsecala


Presentacións de O sol dentro da cabeza

A piques de cumprirse un ano da publicación de O sol dentro da cabeza pola editorial Laiovento, neste mes de xuño tiven dúas presentación deste libro que contén 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares, e que é unha homenaxe para un escritor tan querido.

Noelia Rodríguez

O sábado, 9 de xuño, estiven acompañado da poeta Noelia Rodríguez na presentación que fixemos no Concello de Muiños, nunha presentación moi agradábel coa veciñanza do concello e tamén moi participativa, a meirande parte dos asistente leron poemas do libro escollidos ao chou, foi un verdadeiro agasallo. Estoulles moi agradecido.



















E o luns, 11 de xuño, acompañado da prezada poeta Helena Villar Janeiro, a presentación foi na libraría Pedreira de Santiago de Compostela. Sempre me sinto na casa na capital galega, e agradezolle especialmente a Helena que me acompañase nesta ocasión, ela que coñece todo o proceso creativo deste libro e que alentou dende o comezo. Beizóns!

Helena Villar Janeiro


Deixo aquí o enlace a nova que recolle La voz de Galicia.

Foto de Xoán A. Soler
 

6 de xuño de 2018

Presentacións de O sol dentro da cabeza

O sol dentro da cabeza, este libro que contén 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares e que publica Laiovento, segue o seu percorrido nesta ocasión polas terras do Val do Limia, o sábado 9 de xuño compartiremos sentires coa veciñanza do Concello de Muíños, e acompañarame nesa presentación a poeta de Lobios Noelia Rodríguez.

O luns 11 de xuño, O sol dentro da cabeza chega á capital galega, e acompañado da tamén poeta Helena Villar Janeiro, na libraría Pedreira, darémoslle voz estes poemas.