Tal día coma hoxe, de hai 100 anos, Federico García Lorca
visitaba por primeira vez Galicia.
Non é un data máis, é unha data determinante para o autor
dos Seis poemas galegos, para a
percepción de Galicia dende a óptica dun mozo de 18 anos que chega a un país
moi distinto cultural, social e xeograficamente da súa Andalucía natal. Tamén é
unha data moi importante para Galicia, e sobre todo para o galego, que é moito
máis universal grazas ao seu compromiso, coa nosa lingua, reflectido neses seis
poemas marabillosos.
Foto: Pablo Belinchón |
Tamén hoxe, hai dous anos, o 25 de outubro de 2014, foi
cando vin claramente o proxecto do libro 6
poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, publicado o 17 de decembro de
2015 por Biblos Clube de Lectores. Aquela tarde, de hai dous anos, lin
novamente os Seis poemas galegos co
propósito de compartir algún deses versos, nas redes sociais, e recordar ao
poeta andaluz. Finalmente non me decantei por ningún dos seus poemas e escollín
unha fermosísima imaxe da Catedral de Santiago de Compostela, de PabloBelinchón. Levaba tempo pensando en facer algo para homenaxear a Lorca, e
xurdiu ese día. Pensei en facer un libro con 36 poetas, en grupos de 6, que
ademais de aportar un poema propio, tiñan que elaborar, cada grupo, un poema en
conxunto. Trasladei a miña idea a Helena Villar Janeiro, que manifestou, nun
principio, que iso de compoñer poemas en conxunto non se podía facer. Insistín
en que se pode facer calquera cousa que nos propoñamos, que quería intentalo e
contar con ela para coordinar ese proxecto. Finalmente fomos acordando os
pormenores do libro (no que sempre me recordaba, Helena, a importancia que tiña
Ánxel Casal no desenlace do libro de Lorca e que tiñamos que telo presente na
nosa publicación), escollemos e convidamos a quen coordinaría cada grupo, que
tiña que convidar as/os poetas que formaban o seu grupo. Ata onde sei, non
houbo renuncias, o que indica que o proxecto, e o desafío, agradaba.
Foi un traballo ilusionante, no que aprendín moito,
moitísimo, e no que me sentín moi cómodo traballando, perfilando e desenrolando
esta idea con Helena Villar Janeiro, unha sorte de lucidez, compromiso e paixón
pola nosa lingua e pola poesía.
Recordar, hoxe, este tempo compartido, este libro que
tantas alegrías nos leva dado, e do que nos sentimos moi orgullosos, é o mellor
xeito que tiñamos de homenaxear a quen amou Galicia e o galego, a quen nos
entendeu e compartiu o seu sentir e a súa poesía con nós, a quen foi un galego
máis, un galego universal, Federico García Lorca.
Beizóns aos 43 participantes:
Poema Madrigal â cibdá de Santiago. Helena Villar Janeiro (coordinadora), Marica Campo, Francisco X.
Fernández Naval, F. R. Lavandeira, Xesús Rábade Paredes, Miro Villar, Nolo
Suárez (Ilustración).
Poema Romaxe de nosa Señora da Barca. Modesto Fraga Moure (coordinador), Rocío
Blanco Formoso, Alfredo Ferreiro, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, X. H. Rivadulla Corcón, Viki
Rivadulla (Ilustración).
Poema Cántiga do neno da tenda. Marta Dacosta Alonso (coordinadora), Xosé
María Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga, Rafa Vilar, Alfonso
Costa (Ilustración).
Poema Noiturnio do adoescente morto. Yolanda Castaño (coordinadora), Lucía
Aldao, Xiana Arias Rego, Olalla Cociña, Gonzalo Hermo, María Lado, Marita Martín
Carmona (Ilustración).
Poema Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta. Suso Díaz (coordinador), Miguel Ángel
Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Baldo Ramos, Lorena Rei, Noelia Rodríguez, Irene Silva Xiráldez
(Ilustración).
Poema Danza da lúa en Santiago. Lucía Novas (coordinadora), Alba Cid, Xosé
Daniel Costas Currás, Rosa Enríquez, Míriam Ferradáns, Ismael Ramos, Antón
Sobral (Ilustración).
A portada é de Xosé
Vizoso.
Presentación en Santiago de Compostela |
Os proxectos non son nada
se non se fan visibles, se non se materializan. Por iso fago extensible o
agradecemento a Carmela e Tucho, que dirixen Biblos Clube de Lectores, e
materializaron este libro dun xeito verdadeiramente marabilloso.
Coido cumprimos,
humildemente, co recordo e a memoria de Federico García Lorca, ditoso ser
humano inzado de sentimentos e imaxes envoltas en verbas de música, e dozura,
para o sentir de quen as procure.
25 de outubro de 2016.
Centenario da primeira visita de FGL a Galicia.