Hai lugares onde o tempo se conxuga doutro xeito,
onde a memoria xoga ceibe e os pensamentos reconfórtanse coa verba amiga, coa
verba irmán.
|
Ramón Alonso, Suso, José Lamela Bautista |
O venres 29 de decembro presentamos, en Entrimo, O
sol dentro da cabeza. Contei coa participación e a complicidade do alcalde do
municipio, Ramón Alonso, que abriu as portas do Concello a este acto cultura
para os seus veciños, tamén co amigo, investigador e escritor José LamelaBautista que tivo a ben facer unha presentación moi entrañable deste último
traballo que me publicou Laiovento e que é unha homenaxe moi particular a
Carlos Casares neste ano pasado que foi o seu ano da Letras.
Achegarse a Entrimo é algo que fago acotío cando
estou pola casa de meus pais. Son moitas as amizades que conservamos nestas
terras arraianas, e tamén hai unha importante carga emocional, non se poden
esquencer os momentos vividos na mocidade aquí, tamén na infancia.
Foi unha tarde moi entrañable, tivemos tempo para
falar das familias, dos problemas demográficos aos que se enfrontan os lugares
do interior de Galicia, e tamén dos problemas que está a ter o galego para se
manter como lingua propia, tamén para falar desa variante do galego que falamos
nós na Baixa Limia e que se vai esgotando dun xeito alarmante.
|
MariPaz, Emma, Suso |
Nas datas de Nadal retornan veciños que viven, ou vivimos lonxe, que aproveitamos para nos atopar en actos coma o que nos permitiu
o concello de Entrimo, foi unha ledicia atoparnos con Emma, veciña de Compostela e coa que vivimos moitos momentos da infancia e a mocidade.
|
José Lamela Bautista |
Quería que esa presentación, nunha Casa do Concello
que coñezo moi ben, que visitei moitas veces por distintos motivos, e no que
desenrolou súa vida laboral José Rodríguez, un destacado entrimeño, unha boa
persoa e un amigo que posuía o don dun sorriso perenne, e que boto en falla
cando atraveso aquela porta. O acto foi unha humilde homenaxe para el que fica
no recordo.
|
Ofrecéndolle o libro a Santa María A Real |
Beizóns!