"Vai concluíndo o ano Casares e, antes de que isto sexa unha realidade
para dar paso a focalizar a ollada cara a María Victoria Moreno, non
quería deixar de referirme, aínda que sexa moi brevemente, a este libro
aparecido hai poucos meses de Suso Díaz, escritor galego radicado en Mérida. Trátase d´O sol dentro da cabeza: un deses proxectos que nacen da inspiración que xera a obra dun autor como é, neste caso, a de Carlos Casares."
Comezamos o luns, 28 de agosto, coa lectura do primeiro poema do libro e unha entrevista coa prezada Xiana Arias para falar deste poemario creado a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares.
Comparto aquí os arquivos de audio destes cinco días.
Volver á Coruña sempre é un pracer, pasear polas súas rúas, respirar ese aire húmido en Riazor ou imaxinar un pasado tan lonxano, e tan presente, na Torre de Hércules, para logo mergullarme nos libros dunha das meirandes manifestacións culturais do país en Méndez Núñez, onde reside a memoria dos nosos en monumentos tan destacados como o adicado a Manuel Curros Enríquez.
As palabras, detidas na brancura dun libro, buscan quen as pronuncie, quen as faga novamente súas para medrar cos sentimentos recobrados e espallarse polos baleiros onde fica a ilusión adormecida. Resulta moi gratificante achegarse os lectores, pescudar no ollar esa lume que alampea coa sonoridade dun verso, coas imaxes dun poema.
Aproveitamos a tarde, Pedro e máis eu, para visitar ás librarías amigas, estivemos con Gonzalo de Cartabón, e con Antón, e a súa dona, de Pedreira. Con eles charlamos de libros, pedímoslle que nos recomendaran lecturas, e por suposto mercamos moita poesía.
A presentación de O sol dentro da cabeza foi moi agradable, acompañáronos amigas e amigos que querían compartir con nós ese tempo de poesía. Mercedes levounos polo vieiros da concepción do libro, falamos de Casares, da súa narrativa e dos poemas deste libro distinto na súa creación, máis que é un agasallo máis para quen tanto fixo pola nosa lingua e nos legou unha obra marabillosa.
Foi un auténtico pracer compartir esa xornada con amigas e amigos nunha cidade sempre acolledora. A miña enorme gratitude para Mercedes por me acompañar e conducir esa presentación dun xeito tan agarimoso que non esquecerei.
Non foi unha presentación máis, foi unha presentación moi entrañable, no meu pobo, cos meus pais, familia e veciños, e por suposto coa complicidade de meu fillo Pedro. Acompañábame o prezado amigo, tamén poeta e activista cultural Xoán Carlos Domínguez Alberte e a súa familia, que viñeron dende Escudeiros en Ramirás para falar deste último libro e tamén dos dous anteriores, Sofía e Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía, que publicou recentemente Ediciones Liliputienses do querido amigo e poeta José Máría Cumbreño, e que tamén quería presentar o público do meu principio do mundo.
Tamén nos acompañou María Carmen, alcaldesa de Lobios e Albino, concelleiro de Cultura. Moitas amigas, e amigos, cos que compartín, e comparto momentos que me enchen de enerxía, unha sorte de veciñanza que traballa, vive e contribúe o desenrolo do noso amado pobo. E teño presente a quen se desplazou doutros lugares para estar comigo ese día. Foi unha xornada moi emotiva que non esquecerei.
Xoán Carlos Domínguez Alberte agasallounos cunha presentación que me emocionou, e que comparto aquí co seu permiso. Só podo dicir, GRAZAS, grazas irmán.
Da man de Casares dende Escudeiros deica Ludeiros Xoán Carlos Domínguez Alberte
Coñecín a Suso Díaz hai xa uns anos, cando os dous compartiamos aínda angueiras na asociación Arraianos. Del fun sabendo que era do lugar de Ludeiros, no concello de Lobios, que traballaba en Estremadura —a onde Castelao fora desterrado entre 1934 e 1935— e, en especial, do seu pulo pola cultura e literatura galegas, pola semente da nosa nación, en definitiva.
Do mesmo xeito ca o autor de Rianxo, a distancia física de Galiza, o afastamento do noso país, non é para nada atranco para traballar por el. Mostra disto é o labor divulgativo que, xunto coa súa compañeira MariPaz Paz, exerce alá nas ondas da radio, co programa La Voz en Espiral, que acolle novas da nosa lingua.
Por non falarmos d’ As escollas electivas, un portal de internet mantido por ambos (que quen non coñeza aínda debe visitar) que propicia un encontro vivo de poetas e poéticas na nosa lingua. Unha bitácora que, por deferencia do autor que hoxe nos convoca, tiven a honra de inaugurar —xunto co tamén poeta e amigo desta bisbarra Baldo Ramos—, en xaneiro de 2012, cando se cumpría o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. De quen serven de cabezallo deste portal uns versos: “Mais o lume que alampea/xamais o veredes morto”, que constitúen unha auténtica proclama de liberdade e dignidade.
Suso Díaz é responsábel de senllas marabillosas iniciativas, que culminaron en dous magníficos traballos, aparecidos en 2015: 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca e 150 Cantares para Rosalía de Castro. Este mesmo ano responsabilizouse asemade da edición doutro volume colectivo, en honra dun dos protagonistas da revolución portuguesa do 25 de abirl, titulado Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía. E todo isto sen esquecermos o delicado poemario Sofía, que en 2016 deu ao prelo, como fermoso agasallo en honra da súa filla no intre de ela cumprir vinte anos.
O libro que agora presentamos, O sol dentro da cabeza, vai acompañado dun aclarador subtítulo que di así: 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares.
Sabido de todos e todas é que o escritor orixinario de Xinzo de Limia é a figura en quen se comemoran as Letras Galegas este ano. E convén lembrar isto agora, a 4 de agosto, porque o sentido desta celebración non é o de ‘pasou o día e pasou a romaría’ –en referencia ao 17 de maio–, senón de afirmación e cultivo da nosa lingua ao longo de todo o ano.
A través deste libro, entón, Suso Díaz realiza un exercicio de creación e recreación a partir dos mundos e dos soños vivenciados, unha e outra vez, polo autor limiao.
O diálogo coa tradición é unha fecunda práctica que, no noso caso, se remonta xa aos albores da literatura galega contemporánea. Pois non se esqueza que os Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, establecen un vivo diálogo con toda a cultura popular.
Sirva de mostra o arrinque mesmo da primeira composición do libro: “Has de cantar,/que che hei de dar zonchos; has de cantar,/que che hei de dar moitos.” é a copla popular que inicia a interlocución da voz poética: “Has de cantar,/meniña gaiteira;/has de cantar,/que me morro de pena.”.
Na obra que nos ocupa, o xogo da intertextualidade está presente, de xeito máis ou menos explícito, en toda a estrutura poética. O cal se evidencia, por exemplo, xa no primeiro poema, coa alusión nel á chegada d’ “as primeiras chuvias”.
Cómpre non pasar por alto senllos textos, previos ao poemario en si, para se poder decatar da xénese e xestación desta obra. O primeiro é unha cita do propio Casares que se reproduce ao comezo: “Escribo cunha clara conciencia política fronte ao castelán, que é a lingua imposta”.
O outro fragmento pertence a unha aclaratoria “Nota do autor”: “A idea de buscar novos vieiros por onde camiñar da man da poesía levoume a afondar nuns diálogos onde quería recoller o que non se di, o que se agocha, o fermento no que medra o verso, a metáfora silenciosa da palabra que se revela doutro xeito no cristalino, deixándome condicionar por un texto nacido dunha imaxe recollida por outro ollar para darlle cor a un lenzo que agardaba en branco”.
Na obra que hoxe se pon á luz establécese, entón, unha comunicación co conxunto das oito novelas abranguidas entre Vento ferido (1967) e O sol do verán (2002).
Moitas e diversas son, xa que logo, as cordas que soan nela a través de evocación ou da invocación da obra na que se inspira. Ao igual ca as ambientacións recorrentes do verán e da calor.
Así, nun moi extensíbel repertorio de vasos comunicantes, pódese facer referencia á nostalxia, ao poder dos afectos, á querenza pola literatura, á expresión da poesía, a unha intensa sensualidade, á vindicación da memoria histórica ou á denuncia do abandono da terra.
Mais os textos deste libro conteñen tamén unha fecunda relectura da obra de Casares: para se reafirmaren na liberdade de principios, connotada en “fixeran posible o MILAGRE DO PÚBLICO”; para se expresaren contra os dogmatismos, en “Sen vidros nas fiestras,/prenden nos ollos o algodón da imaxe milagrosa,/da inocencia casualidade/de manifestacións sobrenaturais/para empurrar unha xente contra outra”; para proclamaren a razón, como única crenza, expresada con certeza neste preciso e precioso verso: “O misterio non é máis que un reduto de ignorancia”.
O poder intenso da ollada é o denominador común a toda a obra. Unha ollada cara adentro nunha escrita que interroga sobre a condición do ser e de sermos; unha ollada crítica e cálida, que amorna coa calor dos afectos e onde mesmo se xustifica o título do poemario: “Escribir coa vontade/de exhibir un sentimento de amor verdadeiro,/coa intelixencia convertida en relato”.
Unha ollada, en definitiva, que afirmando a pureza da raíz auténtica, reclama o valor da inocencia, como como se expresa en: “A forza do corazón sepultado/emerxe da profundidade das augas da infancia/escrita cun simple lapis dos anos da escola”.
Uns versos estes nos que, por certo, se reivindica a esencia do sentir do conxunto da obra de Carlos Casares, tal e como este confesou —nunha conferencia, pouco antes do seu pasamento—, ao lembrar, cando era adolescente, as palabras que a el lle dirixira o poeta e mestre Manuel Luís Acuña: “ti chegarás a ser un gran escritor se segues así e se non perdes a inocencia que che vexo nos ollos”.
Non me estendo máis, que o protagonismo é do autor dos versos. Celebramos a confirmación dun novo selo poético —VentoAlto, da man de Edicións Laiovento, estreado, por certo, con e Caín, do malogrado Paco Souto—. E congratúlome, en nome de todos, porque, coa túa obra, se incrementa o xa de seu rico e variado patrimonio cultural, literario e poético da nosa terra, a bisbarra de Terra de Celanova – Baixa Limia. Beizón pola atención prestada.
Parabéns, Suso, pola túa palabra.
Escudeiros - Ramirás, 03/08/17.
Texto exposto na presentación d’ O sol dentro da cabeza (Lobios, 4 de agosto de 2017).
A vida é o que sentimos. Cada momento é unha sensación conxugada, un tempo que nos pertence e se vai, e tamén fica en nós para medrar dende a esencia.
Moitos parabéns!!!
A esencia da alma condénsase nun ollar limpo, nun sorriso puro de sol regañado no ceo que nos prende. A esencia da alma é un latexo na xema dos dedos pousados na meixela que agarda. Somos un anaco infinito de amor depositado na vida que nos habita. A esencia da túa alma é a luz do universo condensada no alento que nos mantén.
Comparto aquí a entrevista que onte, 25 de abril, me fixo Olga Ayuso en Canal Extremadura Radio a propósito da presentación do libro Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía.
Congratúlome de anunciar a publicación dun novo traballo compartido de poesía. Será nas vindeiras semanas, e está adicado a unha figura que leva tempo acompañándome en silencio, e que agora abrolla nun libro tributo de 25 poetas lusófonos, e tamén españois, coa representación de tódalas linguas peninsulares.
O título do libro é: Salgueiro Maia. A liberdade não é uma utopia. La libertad no es una utopía. A liberdade non é unha utopía. La llibertat no és una utopia. Askatasuna ez da utopia.
Como dicía tiña en mente facer unha homenaxe poética a Salgueiro Maia coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento o 4 de abril. Durante algún tempo non tiña moi claro o xeito de enfocar esa homenaxe. Hai algo menos dun ano estivemos de visita en Castelo de Vide, tiven a oportunidade de ler un poema que fixera hai anos para Salgueiro Maia e tamén de falar con familiares e veciños da figura do Capitán de Abril. Tardei algunhas semanas en argallar algo que me gustase, que tivese a suficiente forza para agradar a poetas moi diversos e de lugares moi dispares que se xuntarían neste libro. Comecei cunha iniciativa moi complexa, que tiven que aparcar, quedará para outro proxecto. Finalmente e grazas ao empeño e compromiso de José María Cumbreño, que se comprometeu con este proxecto dende o comezo, que o alentou e apoio plenamente, e cos seus sabios consellos, puxemos en marcha a iniciativa a finais do pasado ano.
Se non fose por Chema, este libro quedaría noutro proxecto máis, esquecido nas miñas notas. Publicar estase a converter nun odisea, e iso non debería ser así, non é xusto para quen crea.
A idea que tiña, e coido dalgún xeito materializamos, era dun libro diverso, no que confluísen poetas de distintos países lusófonos coa idea de conxugar esa óptica, por forza, diversa, propiciada polo pasado colonizador e tamén pola distancia no xeito de vivir, ver e sentir o que foi o 25 de abril. De igual xeito interesábame moito a óptica poética da outra parte da península, da España diversa e plural, que amosase nas distintas linguas (Español, Galego, Catalán e Euskera), esa visión daquel feito revolucionario tan poético e talvez inigualable.
Foi unha sorte mergullarme no mundo poético da lusofonía, é un marabilloso crisol de poetas, de poesía, e foi moi difícil escoller nesa riquísima diversidade.
Participamos no libro, e así sairán os poemas, por esta orde: Begoña Abad, Manuel Alegre, Joaquim Cardoso Dias, Francisco Javier Carmona Camarero, María Carvajal, Laura Casielles, Suso Díaz, Vera Duarte, Marília Garcia, Luis Arturo Guichard, María Teresa Horta, Faustino Lobato, Leonor Macedo, Danielle Magalhães, Joan Margarit, Eladio Méndez, Livia Natália, Ondjaki, Jorge Reis-Sá, João Manuel Ribeiro, Daniel Salgado, António Carlos Santos, Tânia Tomé, Kirmen Uribe e Ruy Ventura.
O libro está ilustrado por Baldo Ramos.
Só me queda agradecer a todas, e todos, os que novamente confiastes en min apoiando co voso traballo e creatividade este proxecto colectivo, para velo medrar e materializarse. Son afortunado, e síntome moi honrado de contar con todas e todos vós.
Co gallo do centenario do pasamento do bardo galegoEduardo Pondal, dou comezo con esta entrada a una serie de poemas que servirán para homenaxear ao bergantiñán e a súa obra.
Eduardo Pondal
A idea é escribir poemas en 140 caracteres (espazo máximo dun chío -tweet-), para difundilos polas redes sociais, integrando un verso do egrexio poeta en cada poema e que irá entre -guións-.
Parafraseando ao mestre Méndez Ferrín, De Pondal a Novoneyra, e tendo en conta a situación na que nos atopamos a meirande parte dos que escribimos poesía, resulta case imposible publicar polas canles habituais, dígase libros, aproveito a tecnoloxía para achegar os poemas a quen os queira ler, difundir, neste novo horizonte: De Pondal ao Chío.