Fotografía de Marta Dacosta |
O pasado 10 de agosto pechei a Feira do Libro de A Coruña acompañado da prezada amiga, e escritora, Mercedes Queixas Zas, para presentar O sol dentro da cabeza, libro que contén 76 poemas construídos a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares e que publica Laiovento.
Monumento a Curros |
As palabras, detidas na brancura dun libro, buscan quen as pronuncie, quen as faga novamente súas para medrar cos sentimentos recobrados e espallarse polos baleiros onde fica a ilusión adormecida. Resulta moi gratificante achegarse os lectores, pescudar no ollar esa lume que alampea coa sonoridade dun verso, coas imaxes dun poema.
Aproveitamos a tarde, Pedro e máis eu, para visitar ás librarías amigas, estivemos con Gonzalo de Cartabón, e con Antón, e a súa dona, de Pedreira. Con eles charlamos de libros, pedímoslle que nos recomendaran lecturas, e por suposto mercamos moita poesía.
A presentación de O sol dentro da cabeza foi moi agradable, acompañáronos amigas e amigos que querían compartir con nós ese tempo de poesía. Mercedes levounos polo vieiros da concepción do libro, falamos de Casares, da súa narrativa e dos poemas deste libro distinto na súa creación, máis que é un agasallo máis para quen tanto fixo pola nosa lingua e nos legou unha obra marabillosa.
Foi un auténtico pracer compartir esa xornada con amigas e amigos nunha cidade sempre acolledora. A miña enorme gratitude para Mercedes por me acompañar e conducir esa presentación dun xeito tan agarimoso que non esquecerei.
Beizóns!
Ningún comentario:
Publicar un comentario