Abril é propiamente un mes de luz recobrada, de vida nova, de liberdade. Da liberdade que emerxe en primavera para amosar a súa beleza envolta de soños e palabras.
Viaxar ao Alentejo nesta época do ano, e unha bendición para os sentidos, todo está verde, florido. Todo se amosa esplendoroso para recibir esa luz recobrada, ese sol morno que se detén xusto o tempo preciso para que a vida sexa unha sinfonía, unha bucólica estampa, unha ilusión.
Tiñamos pendiente unha visita á sepultura de Salgueiro Maia, na súa vila natal, en Castelo de Vide. Aproveitando que o Día do Libro caía en sábado, viaxamos por estas terras alentejanas de resistencia e poesía.
Castelo de Vide celebra o 25 de abril como algo propio, como un acontecimento que cambiou o futuro dun país, en boa medida grazas ao seu ilustre fillo. Como poetizou Sophia de Mello: "Esta é a madrugada que eu esperava / O dia inicial inteiro e limpo / Onde emergimos da noite e do silêncio / E livres habitamos a susbstância do tempo". As rúas desta vila son un compendio de memoria e sentimento, un paseo pola cerna dun tempo novo que se constrúe en liberdade.
Son varios os monumentos, a Salgueiro Maia, na súa vila natal. Unha representación en mármore sobor dos alicerces do castelo da vila recorda ao capitán de abril na entrada a este monumento.
No parque 25 de abril, atópase un busco en bronce do escultor Santos Lopes. Un busto que o amosa mozo, aquel capitán de 1974, cheo de vida.
No cemiterio, non é doado atopar a sepultura. Non hai indicacións na entrada, e tampouco nos corredores. Consultamos a dúas mulleres que limpaban o panteón familiar, e moi amablemente indicaronos onde se atopaban os restos do seu veciño.
Na sobria sepultura, sen mármores, nen pedra, agás un rectángulo que delimirta o espazo que ocupa, cuberto de terra, como foi o seu desexo, un ramo de cravos acompañados das herbas que máis lle agradaban ao capitán, así nolo dixo unha tía del que alí estaba limpando e mantendo viva a memoria do seu sobriño. Ela é unha muller case impedida, acompañada dun home. Ambos coméntanos varias anécdotas de Salgueiro, da súa vida, facendo fincapé en que quedou orfo de nai aos 4 anos, que seu pai se volveu a casar, e que a súa madrasta, que é a irmá desta boa muller, o criou coma un fillo.
Da conversa cos seus familiares, soubemos que Salgueiro Maia escolleu ese lugar do cemiterio para ser enterrado, perto de seus pais e no espazo onde se acollen aos que entregaron a súa vida por Portugal.
Tiña pensado ler uns poemas ao pé da súa sepultura, unha escolla dalgúns deses versos adicados a el por poetas portugueses, finalmente fixen esa lectura en presenza de seus familiares e das dúas mulleres que nos indicaran onde estaba soterrado, ademáis de Pedro e MariPaz. Para min foi moi emocionante, era un momento que agardaba dende hai tempo, por todo o que supón este home para a liberdade dun pobo, para a liberdade de Portugal que tanto amo. Rematei ese pequeno recital cun poema meu adicado a Salgueiro Maia.
Logo falamos longo e tendido entre todos do capitán, da súa vida, de abril, do orgullo que senten os veciños de Castelo de Vide polo seu fillo. Contáronos un episodio que descoñecía totalmente. Preguntando pola descendencia de Salgueiro, non tivera fillos coa súa muller, e adoptaran dous cativos pouco tempo antes del morrer. Resulta que fai pouco máis dun ano chegou unha demanda de paternidade por parte dun mozo norteamericano que di ser fillo do capitán. A demanda foi admitida, e xa se sacaron as mostras dos restos biolóxicos para contrastar esa suposta paternidade.
Unha das mulleres que nos acompañaron esta tarde é funcionaria da Cámara Municipal de Castelo de Vide, falounos da iniciativa que rematará nun museo adicado ao capitán de abril, e para o que me pediu que lle adicase o meu poema, para ser incluido nese museo, feito que me enorgullece enormemente.
A Salgueiro Maia
En ti acredito
a forza da palabra.
Semente eterna.
A tebra ficou núa
coa luz morna do día.
Os ollares floreceron co teu devezo,
coa cerna dun futuro
no que brincan os soños
na quietude silente
dos que abafan a esperanza.
Na verba limpa
sempre agromará impía a primavera
os azos dun tempo irredutible
que abrolla no latexo
dos que erguen a dita.
Castelo de Vide. Vista desde o Castelo. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario