22 de mar. de 2015

O meu Cuestionario Proust para o Caderno da Crítica

Agradézolle a Ramón Nicolás terme convidado a formar parte desa iniciativa tan interesante que amosa no seu Caderno da Crítica.


1.– Principal trazo do seu carácter?
– É ben difícil definirse. Coido que son un soñador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Só que me entendan.
4.– A súa principal eiva?
– Talvez querer abarcar máis do que son capaz.
5.– A súa ocupación favorita?
– Deixarme levar polo que me agrada, idear novos proxectos, sempre tentar sumar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade sempre é efémera. Un estado de felicidade enténdoo como algo semellante a ser lelo. Creo nos momentos de felicidade, e se algo se asemella a un tempo prolongado de felicidade vivina os primeiros 8 anos da miña vida en Ludeiros -Lobios-, onde nacín.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non penso niso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Sempre quixen ser cantautor, de aí a miña paixón pola poesía.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non existe, que eu imaxino e nunca coñecerei. Nun país que non se odie por ser o que é, que agarime e ame aquilo que o define, que se respecte, que medre dende a cerna herdada sen precisar ollarse en espello algún. Un país que ben podería ser unha Galicia mítica.
10.– A súa cor favorita?
– Transito entre azuis e verdes. Aínda que nada me reconforta máis ca o abrollar da primavera no Xurés.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Todas, todas amosan beleza. De escoller, quédome co Lirio do Xurés.
12.– O paxaro que prefire?
– O que se pousa fronte á fiestra na casa de meus pais. Ese que me agasalla cos seus movementos, coa súa cor, co seu canto e co seu voo ceibe e despreocupado.
13.– A súa devoción na prosa?
– Sendo ben difícil: en galego Rosa Aneiros, en español García Márquez, en portugués Saramago.
14.– E na poesía?
– Imposible escoller. Dende Rosalía de Castro a Celso Emilio Ferreiro infinitas e infinitos poetas. Cada nova lectura é unha nova descuberta. Todas e todos os que me emocionen.
15.- Un libro?
– Dous. Agora mesmo os que me ocupan con novos proxectos: Seis poemas galegos de Federico García Lorca e Follas novas de Rosalía de Castro.
16.– Un heroe de ficción?
– Xan das Congostras.
17.– Unha heroína?
– Seguramente algunha que habita o subconsciente. A beleza ten rostro de muller.
18.– A súa música favorita?
– Moitas, moitísimas. Non podo escoller, depende do estado de ánimo. Iso si, sempre me fago acompañar por ela.
19.– Na pintura?
– Dun tempo a esta parte, Ovidio Murguía.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miñas avoas, ninguén merece meirande admiración para min.
21.– O seu nome favorito?
– O de meus fillos: Sofía e Pedro, sempre na boca, sempre no pensamento.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maldade en calquera das súas manifestacións: ruindade, mesquindade, falsidade...
23.– O que máis odia?
– Ese sentimento non me habita, de facelo, manifestase en contadas ocasións. Diría que odio o que fai sufrir ao ser humano conscientemente. Dabondo temos co que a vida nos vai deparando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos eses innomeables que se adicaron a destruír a especie, tamén os que se adican a destruír o hábitat.
25.– Un feito militar que admire?
– Sempre abril. Sempre o 25 de abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha meirande capacidade de comprensión, algunhas veces non atopo respostas por moito que me esforce. É frustrante.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De súpeto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Reflexivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Moitos. Tendo en conta que somos humanos, procuro entender.
30.– Un lema na súa vida?
– Meu avó materno sempre me dicía, Suso: fai ben e non olles a quen.

Foi publicado no Caderno da Crítica o 21/03/2015.

Ningún comentario: