22 de set. de 2016

Teño un soño (I Have a Dream)


Certamente teño un soño, un soño que non é novo, que se renova e agranda, un soño que é noso, porque nosa é a cultura e a lingua galega.


Neste 2016 fanse 80 anos do asasinato de Ánxel Casal, do que foi o editor dun país que emerxía á cultura coa forza que só nos dá a nosa lingua. Casal non deixou nunca de traballar por unha Galicia forte no eido cultural e sobre todo literario. Puxo os alicerces, do que hoxe en boa medida temos, con certas carencias, ou fendas que cómpre corrixir.

Galicia, e as galegas e galegos somos un país enormemente creativo, un país cunha longa tradición oral, e tamén escrita. Unha sociedade que precisa o apoio desa sociedade no seu conxunto, unha sorte de creatividade que amosa o mellor de nós ao mundo.

Cando falamos de literatura só podemos falar do éxito da nosa escrita, do éxito das nosas e dos nosos escritores, do enorme éxito da nosa lingua. Mais, non todo é ledicia, tamén hai pedras no camiño que cómpre ir retirando para facer máis doada a travesía do proxecto común que é o galego.

É ben coñecido polos que nos adicamos a escribir, o difícil que pode resultar entrar no círculo editorial galego. Son moitas as razóns que pexan a edición de quen escribe, fundamentalmente baseadas na rendibilidade comercial e na demanda dun mercado cada vez máis cativo en lingua propia.

Por iso, é imprescindible contar cunha Editora Nacional Galega. Un selo editorial dun país que ten a obriga de medrar na súa propia creación, de amosar o que en verdade se fai co mellor dos sentidos, e coa intención e o compromiso de apuntalar, cando menos, mil primaveras máis o noso idioma. Sen sectarismos nin amiguismos. Unha Editora Nacional Galega que naza co propósito de sumar, soamente de sumar a quen chame a súa porta.

Si, teño un soño, e seguramente non difire moito do soño que tiña Ánxel Casal de facer un país entre todas e todos, con todas e con todos os que aportamos algo de nós o conxunto da sociedade.

Se os que gobernen Galicia se comprometesen con esta idea, con ese obxectivo de apoiar a creación en tódolos eidos, en particular á escrita en galego. Poderíase comezar con tiradas pequenas, uns 100 exemplares que chegarían as librarías, tamén a algunhas bibliotecas, mesmo á Cidade da Cultura, que terá que conter algo máis que aire. Poderían ser máis, se as vendas acompañan, e se non, eses libros, pasarán a formar parte do enorme patrimonio cultural e lingüístico do noso país, e tamén, como parte do estímulo a quen en soidade crea.

Teño un soño, e coido é un soño compartido.

Suso Díaz

Ningún comentario: