Neste Día da Muller, verbas e versos para miñas avoas.
Elas son unha parte fundamental dos alicerces que me sustentan.
Mulleres na guerra, mulleres na posguerra; dura vida de labregas, de nais, de avoas. Enorme exemplo de xenerosidade.
Pepa da Celedonia Pepa do Pementa |
Os meus pés son de barro.
Camiño sobor da auga
do teu pensamento.
Son un anaco de nada
con forma definida,
unha mancha de terra
que se moldea
con verbas e aloumiños.
Sinto o vento nos ollos que esculcan,
que bagoan
e se reconfortan no teu rostro.
Os pasos comezan sen destino,
empurrados por arelas,
alentados dende o berce
onde fican as raizames inmorredoiras
do que son.
Ningún comentario:
Publicar un comentario