Neste días, mándame miña nai estas fotografías do “Carballo do Santo”, agora que aínda está espido, e do “Corete do Santo”, así lle chamamos nós ao palco da música que fixemos a comezos dos anos 80, por riba dun carballo centenario que temos ao pé da nosa Capela de San Pedro en Ludeiros.
Despois de moitos debates no praza do lugar, e de unha achega colectiva, decidimos facer en formigón, ese palco para tocar a banda de música. Pasado o tempo, decátaste de que talvez non sexa o que se diga unha obra de arte, mais é algo singular que atende á visión que tivo un veciño de querer aproveitar aquel espazo que se abría ao ceo para achegar o son da nosa música ás estrelas.
Co tempo foi perdendo esa primeira función, para converterse nun lugar de encontro, nunha atalaia para ollar a nosa Serra de Santa Eufemia, O Quinxo, tamén os Montaña de Entrimo e parte da Serra de Soajo en Portugal. Nun lugar onde atopar a paz do entorno, a memoria do cativo que alí medrou, a simple necesidade de sentarse e non pensar en nada, deixándose abrazar polo vento, polo canto dos paxaros, polo son das follas das árbores que aínda medran nese lugar máxico para min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario