1 de nov. de 2014

No 18 cumpreanos da nosa Sofía

Hoxe, a nosa Sofía fai 18 anos. Comezo de todo, e fin dunha etapa de vencellos inmutables, perennes, diría eternos.
Agora xa voa soa, tentando construír un principio no que sostentar un futuro sempre difuso.
Pescudo na memoria, e abrolla coa forza das galaxias ese primeiro instante no que nos vimos. De súpeto todo se encheo con eses ollos azúis que esculcaban o mundo que acababas de estrear, ese ollar que asolaga todo o que non se borrara ata o fin dos tempos. Todo ficou retido na memoria ese intre, e todos o momentos vividos, sentidos, e sufridos nestes anos, son os alicerces nos que nos sustentamos.
Cada paso é unha aventura, cada verba un compromiso, tan só o sentimento verdadeiro, o amor perdura no tempo.
Moitos parabéns!!!





SOFÍA

En cada soño, Sofía.
En cada verba, Sofía.
En cada agarimo, Sofía.
En cada bágoa, Sofía.
En cada verso, Sofía.
Tódolos vértices conflúen en ti,
alma coa que alento no tránsito das horas,
no vogar mainiño dos instantes fuxidíos.

Ningún comentario: