17 de xan. de 2018

Vídeo da presentación de O sol dentro da cabeza na libraría Cartabón

Comparto o vídeo da presentación de O sol dentro da cabeza, publicado por Laiovento, e que aconteceu o pasado 27 de decembro, coa participación do prezado Ramón Nicolás, na libraría Cartabón de Vigo.

11 de xan. de 2018

Presentación en Entrimo de O sol dentro da cabeza

Hai lugares onde o tempo se conxuga doutro xeito, onde a memoria xoga ceibe e os pensamentos reconfórtanse coa verba amiga, coa verba irmán.

Ramón Alonso, Suso, José Lamela Bautista

O venres 29 de decembro presentamos, en Entrimo, O sol dentro da cabeza. Contei coa participación e a complicidade do alcalde do municipio, Ramón Alonso, que abriu as portas do Concello a este acto cultura para os seus veciños, tamén co amigo, investigador e escritor José LamelaBautista que tivo a ben facer unha presentación moi entrañable deste último traballo que me publicou Laiovento e que é unha homenaxe moi particular a Carlos Casares neste ano pasado que foi o seu ano da Letras.

Achegarse a Entrimo é algo que fago acotío cando estou pola casa de meus pais. Son moitas as amizades que conservamos nestas terras arraianas, e tamén hai unha importante carga emocional, non se poden esquencer os momentos vividos na mocidade aquí, tamén na infancia.


Foi unha tarde moi entrañable, tivemos tempo para falar das familias, dos problemas demográficos aos que se enfrontan os lugares do interior de Galicia, e tamén dos problemas que está a ter o galego para se manter como lingua propia, tamén para falar desa variante do galego que falamos nós na Baixa Limia e que se vai esgotando dun xeito alarmante.

MariPaz, Emma, Suso

Nas datas de Nadal retornan veciños que viven, ou vivimos lonxe, que aproveitamos para nos atopar en actos coma o que nos permitiu o concello de Entrimo, foi unha ledicia atoparnos con Emma, veciña de Compostela e coa que vivimos moitos momentos da infancia e a mocidade.

José Lamela Bautista
Quería que esa presentación, nunha Casa do Concello que coñezo moi ben, que visitei moitas veces por distintos motivos, e no que desenrolou súa vida laboral José Rodríguez, un destacado entrimeño, unha boa persoa e un amigo que posuía o don dun sorriso perenne, e que boto en falla cando atraveso aquela porta. O acto foi unha humilde homenaxe para el que fica no recordo.


Ofrecéndolle o libro a Santa María A Real

Beizóns!

10 de xan. de 2018

Presentación de O sol dentro da cabeza na libraría Cartabón en Vigo

O pasado 27 de decembro presentamos en Vigo, na libraría Cartabón, O sol dentro da cabeza, acompañado polo prezado amigo Ramón Nicolás.


Foi unha desas tardes de choiva mansa nunha cidade de reencontros e que tanto sufriu no pasado outono coa vaga de incendios que cercaron Vigo.

Encontrarse, aínda que soamente sexa nestas ocasións, con amigos cos que compartimos afección pola literatura, sempre resulta moi agradable e moi enriquecedor. Aproveitar para falar da lingua, da poesía, dos tempos que nos toca vivir con todas as ilusións postas en seguir achegando traballos literarios a un público que quere manter una literatura de noso.

Compartir mesa co crítico que sente no verso a pulsión da palabra é o mellor xeito de achegarse o sentir dos lectores, de seguir ollando con esperanza un futuro que semella complexo para unha lingua, e a literatura dun pobo.


Sempre agradecido a Maribel e Gonzalo por abrirme as portas da súa libraría onde me sinto en familia.






Moi agradecido a todas e todos os que viñestes á presentación.





Beizóns!