24/02/2018

amada Rosalía

Hoxe, 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, publiquei o libro amada Rosalía adicado a nosa poeta universal en Amazon nunha edición electrónica.


O libro contén 85 poemas e está dividido en 4 partes, a primeira PARA CANTAR, contén un só poema; a segunda NOSO CANTO, recolle 44 poemas, na terceira parte EN SOIDADE son catro os poemas e por último CANTANDO contén 36 poemas. Compaxino poemas con haikus, estes, os haikus inspirados nunha palabra que ía escollendo da obra e da vida de poeta, do mesmo xeito fixen cos poemas, escollín versos da obra de Rosalía, tamén algunha reflexión súa e escribín os poemas inspirándome no seu sentir, dalgún xeito, salvando todas as distancias, ao xeito dos Cantares Gallegos. Para a cuarta parte do libro, aínda que empreguei o mesmo sistema, de escoller un verso para cada composición, o que fixen foi seleccionar eses versos de outras, e outros poetas e escritoras que lle escribiron a Rosalía, escollín 18 autores, coa única salvedade que todos están mortos. Fáltame algúns autores, coido que si, mais non fluíu a meu pensamento cos seus versos ou cos seus escritos a Rosalía para esta publicación.

Escollín versos, ou unha frase que podería ser un verso de: Aurelio Aguirre, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Federico García Lorca, Teixeira de Pascoães, Luís Pimentel, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Salvador Espriu, Xosé María Álvarez Blázquez, Valentín Paz-Andrade, Maria-Mercè Marçal, Uxío Novoneyra, Sophia de Mello Breyner, Eugénio de Andrade, Xosé Neira Vilas e Xohana Torres.

Aos poemas íalle engadindo haikus, e así foi como concluín con 84 poemas. Mais faltaba un, si, un poema máis, Rosalía morreu en 1885, e pensei que terían que ser 85 os poemas que completasen a publicación. Ese poema só podería estar inspirado, neste caso en parte dunha frase que Manuel Murguía lle adicou a súa muller en Los precursores e que di "Las musas necesitan tocar con sus alas la realidad".

Quería adicarlle un libro a Rosalía dende que coordinei os 150 Cantarespara Rosalía de Castro, máis entón non tiña claro o que quería facer, de que xeito ía percorrer ese camiño da súa man, finalmente pensei que o mellor xeito de mergullarme neste traballo sería ir á orixe do seu aos Cantares Gallegos.

Beizóns!

Ningún comentario: