27/08/2017

Presentación de O sol dentro da cabeza na Feira do Libro de A Coruña


Fotografía de Marta Dacosta
O pasado 10 de agosto pechei a Feira do Libro de A Coruña acompañado da prezada amiga, e escritora, Mercedes Queixas Zas, para presentar O sol dentro da cabeza, libro que contén 76 poemas construídos a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares e que publica Laiovento.



Monumento a Curros
Volver á Coruña sempre é un pracer, pasear polas súas rúas, respirar ese aire húmido en Riazor ou imaxinar un pasado tan lonxano, e tan presente, na Torre de Hércules, para logo mergullarme nos libros dunha das meirandes manifestacións culturais do país en Méndez Núñez, onde reside a memoria dos nosos en monumentos tan destacados como o adicado a Manuel Curros Enríquez.


As palabras, detidas na brancura dun libro, buscan quen as pronuncie, quen as faga novamente súas para medrar cos sentimentos recobrados e espallarse polos baleiros onde fica a ilusión adormecida. Resulta moi gratificante achegarse os lectores, pescudar no ollar esa lume que alampea coa sonoridade dun verso, coas imaxes dun poema.


Aproveitamos a tarde, Pedro e máis eu, para visitar ás librarías amigas, estivemos con Gonzalo de Cartabón, e con Antón, e a súa dona, de Pedreira. Con eles charlamos de libros, pedímoslle que nos recomendaran lecturas, e por suposto mercamos moita poesía.


A presentación de O sol dentro da cabeza foi moi agradable, acompañáronos amigas e amigos que querían compartir con nós ese tempo de poesía. Mercedes levounos polo vieiros da concepción do libro, falamos de Casares, da súa narrativa e dos poemas deste libro distinto na súa creación, máis que é un agasallo máis para quen tanto fixo pola nosa lingua e nos legou unha obra marabillosa.


Foi un auténtico pracer compartir esa xornada con amigas e amigos nunha cidade sempre acolledora. A miña enorme gratitude para Mercedes por me acompañar e conducir esa presentación dun xeito tan agarimoso que non esquecerei.

 

Beizóns!

Ningún comentario: