23/08/2017

O sol dentro da cabeza. Presentación en Lobios

O pasado 4 de agosto presentábase por primeira vez o meu libro O sol dentro da cabeza que publicou Edicións Laiovento, na colección de poesía Vento Alto.


Non foi unha presentación máis, foi unha presentación moi entrañable, no meu pobo, cos meus pais, familia e veciños, e por suposto coa complicidade de meu fillo Pedro. Acompañábame o prezado amigo, tamén poeta e activista cultural Xoán Carlos Domínguez Alberte e a súa familia, que viñeron dende Escudeiros en Ramirás para falar deste último libro e tamén dos dous anteriores, Sofía e Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía, que publicou recentemente Ediciones Liliputienses do querido amigo e poeta José Máría Cumbreño, e que tamén quería presentar o público do meu principio do mundo.


Tamén nos acompañou María Carmen, alcaldesa de Lobios e Albino, concelleiro de Cultura. Moitas amigas, e amigos, cos que compartín, e comparto momentos que me enchen de enerxía, unha sorte de veciñanza que traballa, vive e contribúe o desenrolo do noso amado pobo. E teño presente a quen se desplazou doutros lugares para estar comigo ese día. Foi unha xornada moi emotiva que non esquecerei.



Xoán Carlos Domínguez Alberte agasallounos cunha presentación que me emocionou, e que comparto aquí co seu permiso. Só podo dicir, GRAZAS, grazas irmán.

Da man de Casares dende Escudeiros deica Ludeiros
Xoán Carlos Domínguez Alberte

Coñecín a Suso Díaz hai xa uns anos, cando os dous compartiamos aínda
angueiras na asociación Arraianos. Del fun sabendo que era do lugar de
Ludeiros, no concello de Lobios, que traballaba en Estremadura —a onde
Castelao fora desterrado entre 1934 e 1935— e, en especial, do seu pulo pola
cultura e literatura galegas, pola semente da nosa nación, en definitiva.

Do mesmo xeito ca o autor de Rianxo, a distancia física de Galiza, o
afastamento do noso país, non é para nada atranco para traballar por el.
Mostra disto é o labor divulgativo que, xunto coa súa compañeira MariPaz Paz,
exerce alá nas ondas da radio, co programa La Voz en Espiral, que acolle
novas da nosa lingua.

Por non falarmos d’ As escollas electivas, un portal de internet mantido por
ambos (que quen non coñeza aínda debe visitar) que propicia un encontro vivo
de poetas e poéticas na nosa lingua. Unha bitácora que, por deferencia do
autor que hoxe nos convoca, tiven a honra de inaugurar —xunto co tamén
poeta e amigo desta bisbarra Baldo Ramos—, en xaneiro de 2012, cando se
cumpría o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. De quen serven
de cabezallo deste portal uns versos: “Mais o lume que alampea/xamais o
veredes morto”, que constitúen unha auténtica proclama de liberdade e
dignidade.

Suso Díaz é responsábel de senllas marabillosas iniciativas, que culminaron en
dous magníficos traballos, aparecidos en 2015: 6 poemas 6. Homenaxe a
Federico García Lorca e 150 Cantares para Rosalía de Castro. Este mesmo
ano responsabilizouse asemade da edición doutro volume colectivo, en honra
dun dos protagonistas da revolución portuguesa do 25 de abirl, titulado
Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía. E todo isto sen esquecermos o
delicado poemario Sofía, que en 2016 deu ao prelo, como fermoso agasallo en
honra da súa filla no intre de ela cumprir vinte anos.


O libro que agora presentamos, O sol dentro da cabeza, vai acompañado dun
aclarador subtítulo que di así: 76 poemas creados a partir das lecturas da obra
narrativa de Carlos Casares.
 
Sabido de todos e todas é que o escritor orixinario de Xinzo de Limia é a figura
en quen se comemoran as Letras Galegas este ano. E convén lembrar isto
agora, a 4 de agosto, porque o sentido desta celebración non é o de ‘pasou o
día e pasou a romaría’ –en referencia ao 17 de maio–, senón de afirmación e
cultivo da nosa lingua ao longo de todo o ano.
 
A través deste libro, entón, Suso Díaz realiza un exercicio de creación e
recreación a partir dos mundos e dos soños vivenciados, unha e outra vez, polo
autor limiao.
 
O diálogo coa tradición é unha fecunda práctica que, no noso caso, se remonta
xa aos albores da literatura galega contemporánea. Pois non se esqueza que
os Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, establecen un vivo diálogo con
toda a cultura popular.
 
Sirva de mostra o arrinque mesmo da primeira composición do libro: “Has de
cantar,/que che hei de dar zonchos; has de cantar,/que che hei de dar moitos.”
é a copla popular que inicia a interlocución da voz poética: “Has de
cantar,/meniña gaiteira;/has de cantar,/que me morro de pena.”.
 
Na obra que nos ocupa, o xogo da intertextualidade está presente, de xeito
máis ou menos explícito, en toda a estrutura poética. O cal se evidencia, por
exemplo, xa no primeiro poema, coa alusión nel á chegada d’ “as primeiras
chuvias”.
 
Cómpre non pasar por alto senllos textos, previos ao poemario en si, para se
poder decatar da xénese e xestación desta obra. O primeiro é unha cita do
propio Casares que se reproduce ao comezo: “Escribo cunha clara conciencia
política fronte ao castelán, que é a lingua imposta”.
 
O outro fragmento pertence a unha aclaratoria “Nota do autor”: “A idea de
buscar novos vieiros por onde camiñar da man da poesía levoume a afondar
nuns diálogos onde quería recoller o que non se di, o que se agocha, o
fermento no que medra o verso, a metáfora silenciosa da palabra que se revela
doutro xeito no cristalino, deixándome condicionar por un texto nacido dunha
imaxe recollida por outro ollar para darlle cor a un lenzo que agardaba en
branco”.
 
Na obra que hoxe se pon á luz establécese, entón, unha comunicación co
conxunto das oito novelas abranguidas entre Vento ferido (1967) e O sol do
verán (2002).
 
Moitas e diversas son, xa que logo, as cordas que soan nela a través de
evocación ou da invocación da obra na que se inspira. Ao igual ca as
ambientacións recorrentes do verán e da calor.
 
Así, nun moi extensíbel repertorio de vasos comunicantes, pódese facer
referencia á nostalxia, ao poder dos afectos, á querenza pola literatura, á
expresión da poesía, a unha intensa sensualidade, á vindicación da memoria
histórica ou á denuncia do abandono da terra.
 
Mais os textos deste libro conteñen tamén unha fecunda relectura da obra de
Casares: para se reafirmaren na liberdade de principios, connotada en “fixeran
posible o MILAGRE DO PÚBLICO”; para se expresaren contra os
dogmatismos, en “Sen vidros nas fiestras,/prenden nos ollos o algodón da
imaxe milagrosa,/da inocencia casualidade/de manifestacións
sobrenaturais/para empurrar unha xente contra outra”; para proclamaren a
razón, como única crenza, expresada con certeza neste preciso e precioso
verso: “O misterio non é máis que un reduto de ignorancia”.
 
 

O poder intenso da ollada é o denominador común a toda a obra. Unha ollada
cara adentro nunha escrita que interroga sobre a condición do ser e de sermos;
unha ollada crítica e cálida, que amorna coa calor dos afectos e onde mesmo
se xustifica o título do poemario: “Escribir coa vontade/de exhibir un sentimento
de amor verdadeiro,/coa intelixencia convertida en relato”.
 
Unha ollada, en definitiva, que afirmando a pureza da raíz auténtica, reclama o
valor da inocencia, como como se expresa en: “A forza do corazón
sepultado/emerxe da profundidade das augas da infancia/escrita cun simple
lapis dos anos da escola”.
 
Uns versos estes nos que, por certo, se reivindica a esencia do sentir do
conxunto da obra de Carlos Casares, tal e como este confesou —nunha
conferencia, pouco antes do seu pasamento—, ao lembrar, cando era
adolescente, as palabras que a el lle dirixira o poeta e mestre Manuel Luís
Acuña: “ti chegarás a ser un gran escritor se segues así e se non perdes a
inocencia que che vexo nos ollos”.
 
Non me estendo máis, que o protagonismo é do autor dos versos. Celebramos
a confirmación dun novo selo poético —VentoAlto, da man de Edicións
Laiovento, estreado, por certo, con e Caín, do malogrado Paco Souto—. E
congratúlome, en nome de todos, porque, coa túa obra, se incrementa o xa de
seu rico e variado patrimonio cultural, literario e poético da nosa terra, a
bisbarra de Terra de Celanova – Baixa Limia. Beizón pola atención prestada.
 
Parabéns, Suso, pola túa palabra.
Escudeiros - Ramirás, 03/08/17.
 
Texto exposto na presentación d’ O sol dentro da cabeza (Lobios, 4 de agosto de 2017).

Ningún comentario: