16 de nov. de 2016

Versos nun calendario sen follas CXXVI


Sombra no vento.
Sombra rasgando o outono,
espindo as cores.


Imaxe atopada na rede. Autor/a descoñecido/a.

13 de nov. de 2016

Versos nun calendario sen follas CXXV

No 14 aniversario da traxedia que provocou a meirande MAREA NEGRA da nosa historia, cómpre manter a memoria das/os que loitaron por manter vivas as nosas costas, as/os que entregaron o seu tempo a esa tarefa tan desagradable e difícil, titánica. 
Para elas/es é o meu afecto e admiración sempre!


Ferida na auga.
Veleno que envelenas
o son do mar.

Aves retidas no ar
tépedo desta morte.










Fotografías atopadas na rede. Autoras/es descoñecidas/os.

1 de nov. de 2016

Sofía. 20 anos pixelando o meu ollar.




Hoxe é un día moi especial para min. Miña filla Sofía, está de aniversario, cumpre 20 anos e é unha desas datas, coido, son un punto de inflexión na vida.

Quería agasallala dun xeito especial, facer algo distinto ao que acostumo neste 1 de novembro. 

Meses atrás pensei en escribirlle 20 poemas que tiñan que estar inspirados en momentos que vivimos, neses detalles que se sumaron ao longo do tempo e forman parte de nós, certa necesidade de plasmalos do xeito que eu os vexo, agora, dende a perspectiva do tempo, desa distancia, desa pátina que vai ficando no horizonte. Non foi fácil, nada fácil acometer o que me propuxera coa delicadeza que precisan uns versos adicados a unha filla, e ao mesmo tempo fosen merecentes de ser lidos por calquera que queira facelo, pois de non ser así, non pasaría de ser un agasallo privado que tería o valor que ela lle queira dar.

Chegados a este punto, no que xa é unha realidade tanxible este libro Sofía que tan marabillosamente publica a colección Desalmados eruditos, de Ediciones Liliputienses, do querido e admirado amigo José María Cumbreño, soamente me queda agradecerlle o seu traballo e compromiso, a súa dedicación e mimo para con este libro, e a miña admiración sempre polo seu amor á poesía e pola súa amizade. Coido que poucas veces me sinto tan a gusto falando de poesía, e de proxectos, con unha persoa, Cumbreño víveo dun xeito transparente, con ese brillo no ollar de quen sente, e cre, sen límete, no que fai, unha sorte de amizade. Curiosamente o libro, en galego, publícase en Extremadura, nesta terra que vai para 20 anos que nos acolle. É unha honra formar parte da familia, que tanto admiro, de poetas liliputienses.

Tamén aproveito para agradecerlle a Helena Villar Janeiro a súa opinión e os apuntamentos que me fixo do libro, e o seu apoio e consideración polo meu traballo. É unha sorte contar coa amizade sinceira de quen tanto sabe e o comparte cando llo demando. 

Sofía xa non é meu, e de cada lector. Ata hoxe era un libro máis dos que teño escritos, agora, por sorte, é a miña “Ópera prima” e voa para sempre no silencio de cada lectura, no son de cada verso.

Moitísimas felicidades Sofía!

Beizóns a José María Cumbreño por facer realidade este agasallo a Sofía, e a Helena Villar Janeiro.