25 de out. de 2016

-100- Centenario da primeira visita de Federico García Lorca a Galicia

 

Tal día coma hoxe, de hai 100 anos, Federico García Lorca visitaba por primeira vez Galicia.
Non é un data máis, é unha data determinante para o autor dos Seis poemas galegos, para a percepción de Galicia dende a óptica dun mozo de 18 anos que chega a un país moi distinto cultural, social e xeograficamente da súa Andalucía natal. Tamén é unha data moi importante para Galicia, e sobre todo para o galego, que é moito máis universal grazas ao seu compromiso, coa nosa lingua, reflectido neses seis poemas marabillosos.
Foto: Pablo Belinchón
Tamén hoxe, hai dous anos, o 25 de outubro de 2014, foi cando vin claramente o proxecto do libro 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, publicado o 17 de decembro de 2015 por Biblos Clube de Lectores. Aquela tarde, de hai dous anos, lin novamente os Seis poemas galegos co propósito de compartir algún deses versos, nas redes sociais, e recordar ao poeta andaluz. Finalmente non me decantei por ningún dos seus poemas e escollín unha fermosísima imaxe da Catedral de Santiago de Compostela, de PabloBelinchón. Levaba tempo pensando en facer algo para homenaxear a Lorca, e xurdiu ese día. Pensei en facer un libro con 36 poetas, en grupos de 6, que ademais de aportar un poema propio, tiñan que elaborar, cada grupo, un poema en conxunto. Trasladei a miña idea a Helena Villar Janeiro, que manifestou, nun principio, que iso de compoñer poemas en conxunto non se podía facer. Insistín en que se pode facer calquera cousa que nos propoñamos, que quería intentalo e contar con ela para coordinar ese proxecto. Finalmente fomos acordando os pormenores do libro (no que sempre me recordaba, Helena, a importancia que tiña Ánxel Casal no desenlace do libro de Lorca e que tiñamos que telo presente na nosa publicación), escollemos e convidamos a quen coordinaría cada grupo, que tiña que convidar as/os poetas que formaban o seu grupo. Ata onde sei, non houbo renuncias, o que indica que o proxecto, e o desafío, agradaba.
Foi un traballo ilusionante, no que aprendín moito, moitísimo, e no que me sentín moi cómodo traballando, perfilando e desenrolando esta idea con Helena Villar Janeiro, unha sorte de lucidez, compromiso e paixón pola nosa lingua e pola poesía.
Recordar, hoxe, este tempo compartido, este libro que tantas alegrías nos leva dado, e do que nos sentimos moi orgullosos, é o mellor xeito que tiñamos de homenaxear a quen amou Galicia e o galego, a quen nos entendeu e compartiu o seu sentir e a súa poesía con nós, a quen foi un galego máis, un galego universal, Federico García Lorca.
Beizóns aos 43 participantes:
Poema Madrigal â cibdá de Santiago. Helena Villar Janeiro (coordinadora), Marica Campo, Francisco X. Fernández Naval, F. R. Lavandeira, Xesús Rábade Paredes, Miro Villar, Nolo Suárez (Ilustración).
Poema Romaxe de nosa Señora da Barca. Modesto Fraga Moure (coordinador), Rocío Blanco Formoso, Alfredo Ferreiro, Alexandre Nerium,  Emma Pedreira, X. H. Rivadulla Corcón, Viki Rivadulla (Ilustración).
Poema Cántiga do neno da tenda. Marta Dacosta Alonso (coordinadora), Xosé María Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga, Rafa Vilar, Alfonso Costa (Ilustración).
Poema Noiturnio do adoescente morto. Yolanda Castaño (coordinadora), Lucía Aldao, Xiana Arias Rego, Olalla Cociña,  Gonzalo Hermo, María Lado, Marita Martín Carmona (Ilustración).
Poema Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta. Suso Díaz (coordinador), Miguel Ángel Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Baldo Ramos, Lorena Rei,  Noelia Rodríguez, Irene Silva Xiráldez (Ilustración).
Poema Danza da lúa en Santiago. Lucía Novas (coordinadora), Alba Cid, Xosé Daniel Costas Currás, Rosa Enríquez, Míriam Ferradáns, Ismael Ramos, Antón Sobral (Ilustración).
A portada é de Xosé Vizoso.
Presentación en Santiago de Compostela
Os proxectos non son nada se non se fan visibles, se non se materializan. Por iso fago extensible o agradecemento a Carmela e Tucho, que dirixen Biblos Clube de Lectores, e materializaron este libro dun xeito verdadeiramente marabilloso.
Coido cumprimos, humildemente, co recordo e a memoria de Federico García Lorca, ditoso ser humano inzado de sentimentos e imaxes envoltas en verbas de música, e dozura, para o sentir de quen as procure.

25 de outubro de 2016. 
Centenario da primeira visita de FGL a Galicia.

21 de out. de 2016

18 de out. de 2016

4 de out. de 2016

Versos nun calendario sen follas CXIV


Partimos núos,
libres, sen medo á vida,
esperanzados.
Perdémonos no tempo,
consumidos, sen vida.


Ilustración: A persistencia da memoria. Salvador Dalí.

1 de out. de 2016