27/06/2016

VOTAR

Onte foi un día moi especial. Por primeira vez, miña filla exercía o seu dereito ao voto, son momentos que fican para sempre.


Tiven tempo para pensar na primeira vez que votei, fíxeno con meu pai, nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989. Naquela ocasión viaxamos dende Ourense ata Aceredo (Lobios), que é onde tiñamos a nosa mesa electoral.

Parte de Aceredo
Onte repetiuse o proceso nunha latitude moi distinta e nunhas condicións tamén moi diferentes. Fomos ao colexio que está perto da nosa casa, entramos os dous na cabina, escollemos as papeletas brancas e tamén as do Senado, nesta riscamos os candidatos que queriamos votar, e nunhas e noutras coincidimos na mesma elección. Ao igual que hai 27 anos con meu pai, co que recordo entrar nunha desas cabinas que se puñan naquel comercio-bar da Felisa e do Queitano en Aceredo.

Val do Limia antes do Encoro de Lindoso

Ao final quédanos a memoria e eses momentos que dalgún xeito van marcando a nosa vida. Pensei naquel lugar que xa non existe (Aceredo), dende xaneiro de 1992, cando se materializaron as decisións políticas adoitadas ben lonxe daquel marabilloso Val, fixeron que ficase para sempre soterrado baixo as augas do Encoro de Lindoso (Portugal). Recordei algúns dos momentos vividos alí, naquel largo diante do comercio da Felisa e do Queitano, foron moitos, pois alí agardabamos o coche de liña, que lle chamamos nós, e que nos levaba á escola que estaba en Lobios. Moitos días de frío, choiva e tamén de sol naquel lugar que xa é só memoria, alí onde xogabamos mentres agardabamos polo Land Rover que nos levaría rematado o día ata Ludeiros.

Veiga de Aceredo
Cantas veces pensamos que os nosos votos non valen para moito, que as decisións políticas non nos afectarán. Nada máis lonxe da realidade, aínda que cando se adoptou o acordo de construír o Encoro de Lindoso, non había democracia en España e Portugal, moitas veces podemos trocar o futuro, o noso e o dos demais, e é o único que tento inculcarlles a meus fillos. Si pasamos da política a política pasaranos por riba. Eles xa nunca poderán votar en Aceredo, nin sequera poderán pasear polos lugares do Val (Buscalque, O Bao, A Reloeira e Aceredo), nin bañarse nos Aguinchos no verán, moito menos poderán entender o que para nós significaba todo eso.

Ponte sobre o Río Limia

Despois tivemos tempos de debater o resultado, si, o resultado é outra historia.

Ningún comentario: