26/04/2016

Versos nun calendario sen follas LXX

Chernóbil, 30 anos de ferida na tona deste planeta. Resulta difícil entender os por ques desta desfeita, e é preciso manter presente ese despropósito para evitar se volva producir.


A noite agardaba ser noite,
cinsa na cinsa
dun ceo que ficaría gris
para reter a dor
na visibilidade da ferida.

A ledicia tornouse anguria,
as palabras alónganse
nos berros inaudibles,
en ollares sen fundo
no que ollarse.

A lentura corroe a ferruxe.
Todo fica detido,
sen deixar de esmorecer,
nun letargo sen azos,
nunha imaxe
que retén o que se ve,
e non se sente.

A ferruxe abrolla no gris
que envolve a morte
nun exercicio baldío
de contención.

A morte amósase
na transparencia,
na quietude,
no silencio
dun lugar que foi vida.

A vida é caprichosa,
testemuña a súa presenza
no abrollar dun tempo
sen tempo,
reclama seu espazo,
o que lle pertence
e se resiste a latexar.

Imaxe atopada na rede. Autor/a descoñecido/a.

Ningún comentario: