31 de mar. de 2016

Presentación na Casa de Galicia de Madrid de "6 poemas 6"

Vicente Araguas, José Ramón Ónega, Romay Beccaría, Suso Díaz e Lorena Rei
O pasado luns, 28 de marzo, presentamos na Casa de Galicia en Madrid o poemario colectivo 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca. Foi un acto fermoso, que rematou por ser unha entrañable tarde-noite de poesía e palabra na memoria de Lorca neste ano do centenario da súa primeira visita a Galicia.

Helena Villar Janeiro e máis eu queriamos presentar o libro en Madrid. Son moitos os motivos que tiñamos para celebrar este acto fóra de Galicia. Federico García Lorca estudiou e viviu na capital, e alí forxáronse moitas amizades con galegos que darían como froito un libro ben importante para a nosa literatura, e para a universalización da mesma co bo facer e compromiso de Ánxel Casal.

Antes de comezar o acto, asinamos no Libro da Casa. Logo, o Director da Casa, José Ramón Ónega, fixo a presentación recordando que Lorca estivera en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia. Tamén rememorou algúns dos seus versos do poema Danza da lúa en Santiago.

Seguidamente, Vicente Araguas, poeta e crítico literario afincado en Madrid, fixo a presentación do libro. Araguas mergullouse neste libro colectivo dende a admiración pola obra de Lorca e a relación deste con Galicia. O poeta foi debullando as viaxes do granadino con anécdotas, e tamén co repaso dos seus poemas en galego. Resultou unha presentación moi agradable, e moi acertada, en canto á figura de Lorca e o que supón para Galicia os Seis poemas galegos. Rematou pedindo para o poeta universal o Día das Letras Galegas.

Lorena Rei falou da súa experiencia nesta inciativa, do que supuxo para ela este reto e asociouno aos versos que Lorca lle adica a Rosalía de Castro, "¡Érguete miña amiga / que xa cantan os galos do día! / Érguete miña amada / porque o vento muxe, coma unha vaca!". Lorena gañouse ao público, e tamén aos que participamos na presentación, co xeito que ten de recitar os poemas con esa súa voz tan envolvente.

A miña presentación constaba de dúas partes. Comecei coa lectura dunhas palabras de Helena Villar Janeiro para os presentes. Logo fixen un repaso de como xurdiu a iniciativa, como a fomos construíndo Helena e máis eu, e como resultou ao final este traballo colectivo que a todos nos enche de orgullo, e ledicia, polo resultado acadado.


Fixemos un recital que comezou Pedro (meu fillo), leu o poema que Lorca escribiu con 18 anos, "Salutación elegíaca a Rosalía de Castro". Lorena, Vicente e máis eu lemos os seis poemas de Lorca cos seis poemas feitos en conxunto. A sensación é que agradou moito, que agradaron moito tódolos poemas. Os de Lorca son ben coñecidos e os dos grupos sonaron moi ben e síntome moi ledo de que así sexa, pois aínda non os tiñamos lido todos en público, polo que a satisfación foi moito maior logo dos comentarios de Vicente Araguas ao final, que se sorprendeu co resultado, afirmando que gañaban moito estes poemas ao ser recitados.


O acto rematou con verbas de despedidas de José Ramón Ónega e tamén de José Manuel Romay Beccaria, que pediu expresamente estar nesta presentación pola admiración que lle profesa a Lorca. Tivo fermosas palabras para nós, para este libro e para a beleza da poesía e a música que xunguiu a uns versos que Wislawa Szymborska adica a un cuadro dunha muller vertendo leite nunha cunca, e que ven a dicir: "mentres a muller siga verquendo leite na cunca non merecerá o Mundo o fin do mundo."

Ningún comentario: