25/02/2016

O Carballo e o Corete do Santo

Neste días, mándame miña nai estas fotografías do “Carballo do Santo”, agora que aínda está espido, e do “Corete do Santo”, así lle chamamos nós ao palco da música que fixemos a comezos dos anos 80, por riba dun carballo centenario que temos ao pé da nosa Capela de San Pedro en Ludeiros.


Facendo unha pequena exposición de por que fixemos tal cousa por riba dun carballo centenario. Podemos dicir que en certa maneira víñase a facer dun xeito permanente algo que xa se viña facendo anteriormente dun xeito provisional. O noso carballo ten a particularidade de que é un exemplar que abraza o ceo dende a amplitude dos seus brazos longos e ben separados, o que viu en tempos o tio Ze Grande, un veciño que se decatou que podía facer un corete por riba do carballo para escoitar tocar á banda de música na festa de San Pedro, cousa que fixo. Co tempo, e cos movementos propios do inverno, do sol… o corete desfíxose.
Despois de moitos debates no praza do lugar, e de unha achega colectiva, decidimos facer en formigón, ese palco para tocar a banda de música. Pasado o tempo, decátaste de que talvez non sexa o que se diga unha obra de arte, mais é algo singular que atende á visión que tivo un veciño de querer aproveitar aquel espazo que se abría ao ceo para achegar o son da nosa música ás estrelas.
Co tempo foi perdendo esa primeira función, para converterse nun lugar de encontro, nunha atalaia para ollar a nosa Serra de Santa Eufemia, O Quinxo, tamén os Montaña de Entrimo e parte da Serra de Soajo en Portugal. Nun lugar onde atopar a paz do entorno, a memoria do cativo que alí medrou, a simple necesidade de sentarse e non pensar en nada, deixándose abrazar polo vento, polo canto dos paxaros, polo son das follas das árbores que aínda medran nese lugar máxico para min.

Ningún comentario: