01/09/2015

Versos nun calendario sen follas I

Rematou agosto e con el rematan e comezan proxectos, ideas, ilusións...
No día de San Ramón, festa na aldea de Torno -Lobios- (que tan ben describe Benito Fernández Alonso en 1885), era onde nos dabamos cita cada ano para pechar o verán, alí conxugabamos a ledicia coa tristura de ter que voltar á rutina, ao lugar de estudio, de traballo...
Co fin do agosto marchaban os amores de verán, as amizades que viñan de lonxe, os días sen día, as noites cativas...

Deixando atrás a memoria, e para tentar saír da asolagadora rutina diaria, procurarei nos versos o refuxio onde asentar os pensamentos. Comeza aquí unha nova serie de poemas, haikus... que dei en chamar "versos nun calendario sen follas".

Así se evaporou a vida
pola físgoa dos ollos
que te esculcaron nun soño
que só foi ilusión.


Ilustración: Judith Tomaz

Ningún comentario: