23/12/2014

Libro dixital: 150 Cantares para Rosalía de Castro

É tempo de recapitular, de ollar o que fixen neste ano que se apaga, de ir pechando traballos que, xa levan tempo dabondo querendo ver a luz.

Quero falarvos aquí, do libro homenaxe aos "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro. É un proxecto no que levo traballando dende 2013, que remata neste 2014, e agardo sexa publicado ao mundo, coincidindo coa data de nacemento de Rosalía de Castro, o vindeiro 24 de febreiro de 2015.

Neste proxecto participamos 151 poetas, con 150 poemas, feitos a partir doutras tantas estrofas sacadas dos poemas de Rosalía. 16 artístas plásticos, con 15 representacións gráficas inspiradas nos "Cantares gallegos", ou en Rosalía de Castro. Tamén sumaron a súa voz, o crítico literario Ramón Nicolas, que é o autor do Prefacio, e a escritora Mercedes Queixas Zas, que é a utora do limiar.

Sirva este primeiro anuncio público para agradecervos a tódolos que fixestes posible este soño: pola confianza depositada, polas complicidades compartidas, por estardes ahí, alentando sempre.

Grazas.


21/12/2014

Outono de flores descuberto XXI

Con este poema, dou por rematado este "Outono de flores descuberto".



Can as follas...

O outono fica perenne
na inmensidade do ar,
no ceo preñado de paxaros.


Fotografía: Sofía Díaz Paz

11/12/2014

Cabeceira


Dende o 2 de decembro, conto co dominio susodiaz.gal. Algo que me enche de ledicia por todo o que supón, para nós, como pobo con cultura e lingua propia.

Para completar este proceso de trocos nesta fiestra, ademáis dos enlaces ao enderezo .gal, engado unha nova cabeceira. Compúxena coa grafía de manuscritos de Rosalía de Castro, que me prestou para esta ocasión.

09/12/2014

Outono de flores descuberto XVII


Nada é inalterable aos sentimentos.
A vida é un impulso necesario
de desexos inalcanzables
e metas que se alonxan.

Ti: o sol que alumeas
nos decrépitos días,
onde a sen razón
é a razón
para seguir ergueito.


Fotografía: Suso Díaz

04/12/2014

Outono de flores descuberto XV


Orquestro voos
nun taboleiro en blanco
de posibilidades.
Nada existe nesta partida
contra min mesmo,
todo é froito da imaxinación
que ceibe brúa.
Nada é...


Autor da fotografía: Adelino Faria

01/12/2014

Outono de flores descuberto XIII



Imaxinarte é tan doloroso.

Non acadar o teu sorriso, supón 
unha penitencia desproporcionada.

Vístome de bágoas que se derreten
na infinitude do desexo,
e o senso é un cabalo desbocado
procurando acougo.

Agardo o inverno arrefeza os latexos
que emerxen da terra espida,
mentres, o lume alampea con forza
na lareira onde me acubillo.

Quero atoparte na oleaxe
que provocan os silencios
nos que habitamos.


Autor da fotografía: descoñecido.