31 de ago. de 2014

Versos para un verán ártico XIV

Hoxe fixo 35 anos do pasamento de Celso Emilio Ferreiro. Dalgún xeito botei en falla non acudir ao cemiterio de San Breixo (Celanova), como se acostuma cada ano, e ler versos na súa memoria, alampexar na pedra na que medra o lume do pobo. Como queira que fose, alí estiven, mergullado nos seus poemas unha vez máis, recordando eses momentos vividos. Froito desta xornada ferreiriana, naceu este poema.



A Celso Emilio Ferreiro

Erguelo mundo
nun verso, Celso Emilio.
Lareira acesa.

Ollos de luz na noite,
alento do país.

Embelgar a terra coa sonoridade
das verbas que transitan no ar
recollendo o sentir ceibe, labrego,
dun tempo que se multiplica ao lonxe
á procura de abrollar na  rocha
onde medra a semente mariña.
Os xemidos zoan nos curutos da noite,
canto irto, viaxeiro,
co que empreña a terra, e nós. 


28 de ago. de 2014

27 de ago. de 2014

Versos para un verán ártico XII

A Julio Cortázar no seu centenario

Remaban ás de bolboreta en auga doce,
remaban ás, contra corrente.

Na periferia dos desexos
agardaba a aurora
o espertar do sorriso.

Universos novos, Cortázar,
proxectan as lúas
nas noites do mundo.

Brincar coa plabra é medrar
na cinsa da lareira,
escorregar coa imaxinación
na melodía da memoria
para arrincar bicos
á noite adormecida.

Remaban ás de bolboreta
coa aurora.


22 de ago. de 2014

Versos para un verán ártico X

Tal día coma hoxe, no ano 1920, nacía en Santiago de Compostela, Isaac Díaz Pardo. Bo e xeneroso, semente da semente que abrolla perenne.

A Isaac Díaz Pardo

Nos teus ollos medrou Galicia
coa cobiza do labrego
coñecedor da terra que sementa.

Os eidos de grama son agora
vizosos vieiros de esperanza,
identidade irrenunciábel da matria
que resiste ergueita.

Seguen vixiantes as lúas
na noite que agarda espertar
dun sono asolagador.

Na memoria fica a semente,
e no chan medran azos de galeguidade,
recolleita perenne, abondosa.
 

Versos para un verán ártico IX

20 de agosto. No segundo ano do seu pasamento, adícolle os versos a Avelino Pousa Antelo.

   
Egrexo pai.
Faísca onde se acende
a liberdade.
Agromar da raizame.
Semente herdada, nova.


Versos para un verán ártico VIII

Érguese a vida
no berce mariñeiro.
Vigo labora.


Versos para un verán ártico VII

Cóbrese a ría
co tépedo gris noite.
A vida cala.


Versos para un verán ártico VI

Polas quenllas de vidro.

Mercar, esquecer,
mercar para esquecer.
Todo baleiro.


Versos para un verán ártico V

Ferida aberta
pola físgoa matricial.
Leito fecundo.


Versos para un verán ártico IV

Polas quenllas de Soajo...

Leira de pedra.
Sentimento na cerna
dun pobo ceibe.

Versos para un verán ártico III


Polas quenllas de vidro.

Quenllas de vidro
onde o inconformismo
 é unha relixión.


Versos para un verán ártico II

Polas quenllas da noite...

Para ti ouveo
espido cada noite;
e a lúa espreita.


Versos para un verán ártico I

Polas quenllas da Emérita...

Lene cobiza
a ningures fuxindo.
Camiño núo.