20 de set. de 2012

A Lareira


Cheira á semente dos ourizos,
aquécese coa enerxía derradeira
do carballo vencido polo tempo,
compañeira das noites de inverno
onde se derreten o desacougo
sobre pedras que agochan
as cores da lúa
e o ollar dun cego.

Manca o alento o tépedo fume
que adormecido entre as paredes
non quere fuxir
a unha nova noite de cans.


Poema recollido no libro conxunto "Vieiros de palabra." Terra de Celanova - Baixa Limia en letras de autor. Obra coordinada polo escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, a iniciativa da Librería Conde que este ano celebra o seu 25 aniversario.